Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nova fase do Proxecto Xenoma Galicia: recollida de 5.000 mostras de ADN

Nova fase do Proxecto Xenoma Galicia: recollida de 5.000 mostras de ADN

A iniciativa científica busca atopar a predisposición a diferentes tipos de cancro

 

O conselleiro de Sanidade e o director da Fundación Pública de Medicina Xenómica supervisan a toma de mostras O conselleiro de Sanidade e o director da Fundación Pública de Medicina Xenómica supervisan a toma de mostras
G24.gal 23/02/2026 19:12

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o director executivo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, supervisaron este luns o acto de toma de mostras do Proxecto Xenoma Galicia, a iniciativa científica "máis importante da historia de Galicia" que inicia unha nova fase e coa que se busca "revolucionar" a medicina de precisión analizando o ADN de 5.000 galegos para atopar a súa predisposición a diferentes tipos de cancro.

Polo momento, o proxecto arrincou na área sanitaria de Santiago e Barbanza, coa citación aleatoria de máis de 800 persoas que, tras asinar o consentimento informado a través da app do Sergas, acoden ao Hospital Clínico para a obtención da mostra de sangue.

Segundo explicou Carracedo ademais de ser un proxecto científico "importante", é ao mesmo tempo un proxecto de cribado para ver a predisposición ao cancro de mama, de ovario, colorrectal e á hipercolesterolemia.

"Isto vai supoñer unha revolución moi importante na saúde, fundamentalmente, pero tamén en sectores estratéxicos como o farmacéutico e o biotecnolóxico", sinalou Carracedo.

O máis importante, continuou, son as "repercusións directas" que terá para facer unha medicina personalizada "máis efectiva". "Isto vai ser unha estratexia da medicina do futuro, adiantándonos á enfermidade", insistiu Carracedo, dado que, aínda que a persoa citada pode non chegar a desenvolver a enfermidade aínda que se lle atope unha mutación que o predispoña, permite unha prevención "personalizada".

Carracedo agradeceu o traballo do equipo investigador e sobre todo dos participantes.

"É complicado que veñan de sitios distantes para doar, e fano fundamentalmente por amor á ciencia. E iso é precioso porque significa que os galegos son moi solidarios e entenden o valor de contribuír ao avance da ciencia", destacou.

O investigador avanzou que, no futuro, o obxectivo sería conseguir 400.000 mostras de ADN, convertendo o proxecto no número un en canto a poboación, xa que o proxecto deste tipo máis importante do mundo é de Reino Unido, con 500.000 mostras. "Tentar conseguir 400.000 mostras nunha poboación de 2,7 millóns sería doutra dimensión", comentou.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade reivindicou tamén o carácter "pioneiro" da iniciativa, incidindo na "gran valía" que terán os seus resultados "para avanzar en ámbitos como a medicina preventiva e personalizada". Por iso, animou todos os que reciban a súa invitación, vía SMS, a participar.

Esta nova fase, explicou, arrinca coa recollida de 5.000 novas mostras en toda Galicia. Na área sanitaria de Santiago e Barbanza habilitáronse un total de 828 citas para proceder á recollida. Concretamente, 703 en Santiago e 125 en Barbanza.

Proséguese así cunha iniciativa que na súa fase inicial analizou 2.000 mostras biolóxicas de sangue e saliva. Estes estudos permitiron detectar 24 variantes de risco asociadas a diferentes patoloxías hereditarias.

A participación no proxecto é totalmente voluntaria, pero é necesaria unha invitación previa por parte do departamento sanitario da Xunta. Deste xeito, en cada unha das súas fases as persoas seleccionadas de forma aleatoria recibirán no seu móbil unha mensaxe SMS cunha invitación e unha relación informativa sobre o programa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade