Xulgan un policía local de Vigo acusado de agresión sexual
A Fiscalía solicita 15 anos de prisión, mentres o acusado sostén que a relacion foi consentida
A nai da denunciante dixo que a moza lle confesou que o acusado a violara
A vista comezou coa declaración do policía local que senta no banco dos acusados que relatou o acontecido na madrugada do 27 de novembro de 2022. Confirmou que mantivo unha relación sexual coa muller denunciante e que foi consentida por ela.
Dixo que non lle subministrou drogas e que non estivo confusa en ningún momento. Relatou que mantiveron relacións no seu coche antes de deixala na súa casa e que foi ela quen se lle insinuou esa noite en que se atoparon de festa.
A moza prestou declaración a porta pechada para protexer a súa intimidade.
A acusación particular defende que foi vítima dunha agresión sexual por parte do acusado que aproveitou o seu estado de inconsciencia, confusión e atordoamento cando cometeu os feitos e que non cesou cando ela llo pediu.
No xuízo declarou tamén a nai da denunciante. Dixo que a súa filla chegou aquela noite co pantalón manchado de sangue á casa. Explicou que sabía que o acusado ía traela á casa pero non se preocupou porque eran veciños e as familias coñecíanse. Porén ao día seguinte a moza confesoulle que a violara e que a ameazara con facerlles dano se contaba algo.
A nai da moza e unha amiga explicaron que tivo que ser atendida no hospital pola fortes dores que tiña e que sufriu un cadro de ansiedade e depresión polo trauma sufrido que aínda afecta a súa vida cotiá.
Está previsto que este mércores continúe a vista coa declaración do resto de testemuñas. Ademais de quince anos de prisión, a fiscalía solicita para o acusado unha indemnización de máis de 37.000 euros e o afastamento e comunicación da muller durante 25 anos.