Os 6.000 cruceiristas do Iona pasan unha xornada na Coruña
Un dos trasatlánticos máis grandes e modernos do mundo chega a cidade logo doutra parada en Vigo
Os guías locais ofrécenlles rutas dunha ou dúas horas pola cidade herculina
A estatua do polbo e a vista desde o monte San Pedro están entre as paradas preferidas dos visitantes
Non é habitual que un gran cruceiro faga escala en dous portos moi próximos, pero esta vez o Iona incluíu na súa ruta Vigo e A Coruña. O luns tocou atracar na ría do sur e o martes á primeira hora a impoñente mole, que fai pequena calquera dimensión urbana, amarraba no peirao coruñés, para desfrute dos que están atentos ás trafegas portuarias, coma os afeccionados a pescar na beiramar.
Rematado o almorzo, os pasaxeiros dispóñense a desfrutar da cidade, moitos por primeira vez, pero tamén os hai que xa van ata pola quinta visita. Uns xa traen decidido e organizado o seu plan e outros aceptan a oferta de rutas de unha ou duas horas que lles fan os guías locais sobre a marcha.
"Primeiro, o Castelo de San Antón; despois seguimos para a Torre de Hércules; paramos no Acuario e tamén vemos o polbo e quedan marabillado co monte de San Pedro".
Polo camiño os guias acláranlles algunhas cousas da realidade local
"Pensan que na Coruña hai sol coma no resto de España... e témoslles que dicir que o sol aparece pero non sabemos cando".
Carlos Amado ofrécenos algúns datos nun percorrido por dentro do Iona. O enorme transatlántico ten case 350 metros de eslora. Pertence a compañía P&O Cruises. É dos cruceiros máis grandes do mundo. Ofrece múltiples posibilidades de entretemento a bordo e máis de 30 bares e restaurantes.