Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xogador hispano-marroquí do PSG Achraf Hakimi será xulgado por violación

O xogador hispano-marroquí do PSG Achraf Hakimi será xulgado por violación

Os feitos denunciados ocorreron en febreiro de 2023

Reuters Reuters
G24.gal 24/02/2026 16:03

O defensa hispano-marroquí do París Saint-Germain (PSG) Achraf Hakimi será xulgado polo cargo de violación tras a denuncia presentada en febreiro de 2023 por unha moza, decidiu a xuíza instrutora, en liña coa solicitude da Fiscalía de Nanterre.

"Hoxe en día, unha acusación de violación basta para xustificar un xuízo, aínda cando a impugnei e todo demostra que é falsa. É tan inxusto para os inocentes como para as vítimas sinceiras", sinalou Hakimi na súa conta de X.

O canteirán do Real Madrid engadiu que espera "con calma este xuízo que permitirá que a verdade saia á luz publicamente".

Hakimi, de 27 anos, será xulgado nunha data por concretar nun Tribunal Criminal da rexión parisiense, unha decisión que se coñeceu a véspera do importante encontro de Liga de Campións entre o PSG e o Mónaco.

Na conferencia de prensa previa a ese partido, o adestrador do club parisiense, Luis Enrique Martínez, eludiu comentar o xuízo contra o seu xogador, titular indiscutible e un dos seus capitáns.

"Está en mans da xustiza", limitouse a dicir o antigo seleccionador de España.

Tras coñecerse en Instagram en xaneiro de 2023, o internacional marroquí convidou a moza ao seu domicilio de Boulogne-Billancourt o 25 de febreiro dese ano. Ela chegou cun Uber pagado polo propio xogador.

Segundo a versión da demandante divulgada polos medios, o futbolista bicouna nos beizos a pesar do seu rexeitamento, levantoulle a roupa e bicoulle os seos e mesmo lle introduciu os dedos na vaxina, a pesar da súa resistencia.

A moza, entón de 24 anos, sinalou que conseguiu desfacerse do seu agresor dunha patada e enviou unha mensaxe a unha amiga, que acudiu buscala.

Hakimi negou desde o principio calquera acto de penetración, admitindo unicamente abrazos mutuos e intercambios de bicos consentidos.

En declaracións á canle Franceinfo, a avogada do internacional marroquí, Fanny Colin, lamentou que se monte un proceso xudicial "baseándose unicamente na palabra dunha muller que obstaculizou todas as investigacións".

Colin acusou a demandante de negarse a someterse "a todos os exames médicos e probas de ADN" e non querer que se faga "a peritaxe do seu teléfono móbil" nin que se facilite "o nome dunha testemuña clave".

A letrada aludiu a unhas supostas mensaxes intercambiadas entre a moza e unha amiga e asegurou que delas se desprende a intención de "desvalixar" o futbolista.

Polo seu lado, a avogada da demandante, Rachel-Flore Pardo, asegurara, nunhas declaracións de 2025, que non tolerará "ningunha campaña de desprestixio ou de desestabilización" e recoñeceu que estas batallas "sempre resultan difíciles (...), máis aínda cando se denuncian contra unha persoa tan coñecida". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade