Publicador de contidos

Publicador de contidos

A denunciante púxose de baixa tras recibir unha chamada do DAO no despacho da comisaria agora xefa da policía

A denunciante púxose de baixa tras recibir unha chamada do DAO no despacho da comisaria agora xefa da policía

No escrito de denuncia, consultado por Europa Press, a vítima relata numerosas chamadas intimidatorias por mor da presunta agresión e cita unha na que se menciona a Gemma Barroso na súa condición de subdirectora xeral de Recursos Humanos e Formación

O escrito continúa explicando: "Foi nese momento cando a denunciante foi posta ao dispor do equipo de apoio psicosocial, do que está a recibir asistencia, e atópase de baixa laboral co armamento retirado, manténdose esta situación á data de interposición da presente querela"

Moncloa - Arquivo Moncloa - Arquivo
G24.gal 19/02/2026 09:45

A denuncia da vítima dun presunto delito de agresión sexual cometido polo director adxunto operativo (DAO) da Policía Nacional relata que esta axente se puxo de baixa en xullo de 2025, tras recibir unha chamada do comisario José Ángel González e mentres estaba no despacho de quen asumiu de forma interina o posto de DAO, a subdirectora xeral de Recursos Humanos e Formación Gemma Barroso.

No escrito de denuncia, consultado por Europa Press, a vítima relata numerosas chamadas intimidatorias por mor da presunta agresión sexual ocorrida o 23 de abril de 2025 e cita unha, rexistrada tres meses despois, o 24 de xullo, en que se menciona a Gemma Barroso na súa condición de subdirectora xeral de Recursos Humanos e Formación.

Esta comisaria é quen asumiu o posto á fronte da Dirección Adxunta Operativa en aplicación da Orde 859/2023, do 21 de xullo, que establece a substitución nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da DAO, ata que a policía convoque formalmente esta praza e sexa resolta polo Ministerio do Interior.

En concreto, na querela recóllese que ese 24 de xullo a denunciante, ata entón axente da policía na Comisaría Local de Coslada, atopábase no seu novo destino na Subdirección Xeral de Recursos Humanos e Formación, na rúa Miguel Ángel número 5 de Madrid, a mesma sede onde traballa o querelado, ao coincidir nela a Dirección Xeral da Policía.

Baixa e apoio do equipo psicosocial

"Cando a vítima estaba incorporándose ao novo posto de traballo e concretamente no despacho da subdirectora de Recursos Humanos e Formación, recibiu chamada do teléfono do despacho de José Ángel González. Ao non contestar, a vítima comunicou á subdirectora Gemma Barroso que non se atopaba en condicións de traballar por saúde mental", detalla a denuncia.

O escrito continúa explicando que foi nese momento cando a denunciante foi posta ao dispor do equipo de apoio psicosocial, o cal está a lle prestar asistencia, e atópase de baixa laboral co armamento retirado. "Esa situación mantense á data de interposición da presente querela".

A denuncia alude á recompilación de probas como chamadas, mensaxes e audios en que se acusa ao DAO e a outro comisario asesor deste, Óscar San Juan González, de participaren nunha campaña sistemática, obsesiva e intensiva de acoso telefónico e manipulación psicolóxica contra a vítima, á que chegaron a ofrecer calquera posto na policía se gardaba silencio.

Tanto José Ángel González como este asesor foron relevados dos seus cargos. O escrito engade que a querelante mantivo no pasado unha relación de afectividade co DAO, unha relación que estivo caracterizada desde o seu inicio por unha asimetría de poder institucional manifesta dada a súa posición no corpo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade