Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen os supostos autores duns trinta roubos en garaxes e rochos da área da Coruña

Deteñen os supostos autores duns trinta roubos en garaxes e rochos da área da Coruña

Os dous homes foron prendidos en Cerceda cando conducían sen carné e baixo consumo de drogas

Na Laracha tiñan un domicilio que empregaban como almacén

G24.gal 25/02/2026 10:22

A Garda Civil detivo dous homes, de 41 e 33 anos e veciños da Laracha e Arteixo, como presuntos autores dunha trintena de roubos, principalmente en garaxes e rochos na área da Coruña.

Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, os roubos producíronse nos concellos de Cerceda, Oleiros, Culleredo, Cambre, Carral e Arteixo. Empregaban un inmoble na Laracha como base loxística para o almacenamento dos obxectos subtraídos.

As detencións producíronse o 19 de febreiro no nucleo urbano de Cerceda, onde un dispositivo de vixilancia permitiu localizar os sospeitosos "en pleno acto delituoso". O condutor carecía de permiso de condución e presentaba indicios compatibles co consumo de substancias estupefacientes.

As investigacións, no marco da operación bautizada como Currelos, iniciáronse tras detectarse un incremento de roubos con forza en instalacións municipais no municipio de Cerceda. Tras centrarse en dependencias públicas, os ladróns pasaron ao ámbito privado, con especial incidencia en garaxes e rochos de comunidades residenciais.

Tras as detencións, no rexistro no domicilio da Laracha os axentes atoparon un revólver do calibre 36 (sen número de serie e en avanzado estado de oxidación); varias ballestas e carabinas de aire comprimido; así como unha importante cantidade de material relacionado cos roubos: ferramentas, aveños e obxectos de diversa índole.

A investigación foi desenvolta polo Equipo ROCA da Compañía de Santiago, en colaboración coa Policía Local de Cerceda e a Garda Civil de Santiago.

O Tribunal de Instancia, Sección Civil e de Instrución, Praza 3 da Coruña, decretou o ingreso en prisión para os dous detidos por supostos delitos de roubo con forza, tenencia ilícita de armas e atentado contra a autoridade e a seguridade viaria. Ambos presentaban, ademais, requisitorias xudiciais previas e un amplo historial de antecedentes por feitos semellantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade