Dous feridos e dez identificados nunha lea multitudinaria en Santiago
A pelexa foi nunha zona de marcha do Ensanche
A zona do Ensanche de Santiago de Compostela volveu ser o escenario dunha liorta nun local de ocio nocturno. Ocorreu contra as 6 da madrugada do sábado pasado, cando ata 10 persoas se viron implicadas nunha pelexa no interior dunha discoteca da rúa Santiago de Chile.
Por mor do altercado desprazáronse ata o lugar axentes da Policía Local e da Policía Nacional, que procederon á identificación dos implicados. Tamén os servizos de urxencias sanitarias, que atenderon as dúas persoas que resultaran feridas.
"Foi no interior do local porque non puideron botalos fora, que se non botábanos fora como ten pasado mais veces. Este tipo de problemas sempre acontecen a partir das catro da mañá. Ás catro, cinco, seis da mañá , cando a xente está pasadísima de alcol e drogas e xa non distinguen un uniforme dunha farola. Temos visto vídeos onde agreden á propia policía", di Xosé Manuel Durán, presidente da Asociación Veciñal Raigame.
Este altercado súmase ás constantes liortas que os veciños do Ensanche levan xa meses denunciando. Dende a Asociación Veciñal Reigame identificaron ata 15 locais nos que esta sorte de incidencias se deron en máis dunha ocasión.
Entre eles atópase a discoteca en que se produciu a pelexa desta fin de semana. A fin de paliar o problema, solicitan ás autoridades o adianto da hora de peche do ocio nocturno ás 4 da madrugada.
"Unha gota mais que vén colmar o vaso da paciencia, non? É un local dos reincidentes, dos que xeran cantidade de conflitividade". "Nós entendemos, porque así se solucionou en outras cidades, adiantar o horario de peche dos negocios de ocio nocturno en zona residencial un par de horas. O único que pedimos é equipararnos coas cidades mais civilizadas ca nosa, estamos falando de Lugo, estamos falando da Coruña, estamos falando do País Vasco, que é a nivel autonómico", afirma Xosé Manuel Durán, presidente da Asociación Veciñal Raigame.
Son os reclamos da veciñanza ante o último episodio de violencia nocturna no centro de Santiago, polo que, ata o momento, non transcenderon denuncias ou detencións.