Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atopan en moi mal estado unha cría de balea na praia de Santa Cristina, en Oleiros

Atopan en moi mal estado unha cría de balea na praia de Santa Cristina, en Oleiros

Biólogos do CEMMA tiveron que practicarlle a eutanasia para evitarlle sufrimento

Tomaron mostras do animal para coñecer por que se afastou da súa nai 

Balea aparecida morta na praia de Santa Cristina, Oleiros
G24.gal 02/03/2026 15:17

Uns veciños atoparon este luns preto da praia de Santa Cristina, en Oleiros, a cría dunha balea alibranca de tres meses, que chegou dende mar aberto.

Estaba en moi mal estado, desnutrida e cun cravo na boca. Malia os esforzos das voluntarias por devolvela a augas profundas, a cría non puido sobrevivir. Pesaba pouco máis de 200 quilos, cando, segundo os biólogos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), o normal é que con tres meses chegase case aos 500.

"Era realmente unha balea e estaba en condicións moi complicadas. Valoramos que non tiña viabilidade e fixémoslle a eutanasia", asegurou Gerardo López, coordinador do Servizo Municipal de Emerxencias de Oleiros. 

 A cría de balea aínda mamaba e chegou á praia de Santa Cristina desnutrida.

"O animal traía un cravo na boca, que llo quitaron eles e estaban contentos nun principio e pensaron que se podía librar, pero non podía. Esta é unha situación complexa, porque non todo o mundo o entende fácilmente e a única forma de solucionalo é darlle o final máis humanitario", manifestou Alfredo Vázquez, biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños.

Dous biólogos do CEMMA tomaron medidas e inspeccionaron os restos da cría antes de empezar a necropsia, que permitirá saber os motivos polos que este animal de tres meses se afastou da súa nai.

"Imos recoller restos de todos os órganos para facer análises patolóxicas e ver que lle puido pasar", engade Alfredo Vázquez.

A balea alibranca é moi común nas costas galegas; non está en perigo de extinción pero é moi pouco habitual que unha cría de tres meses se afaste da súa nai e apareza case morta preto dunha praia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade