Retiran a balea que apareceu morta aboiando na Coruña
O cetáceo duns 21 metros e unhas 30 toneladas é o maior que apareceu nas costas galegas nos últimos anos
A balea fora trasladada ao peirao de Oza, onde tiveron que despezala e izala con guindastres para poder levala a incinerar
A balea aparecera aboiando no mar, fronte ao monte de San Pedro na Coruña, e movérona á dársena de Oza para evitar problemas para a navegación. Na Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) estiman que xa podía levar máis de dúas semanas morta, á valga. Explican que se trata dunha balea común, das que adoitan pasar por aquí, perseguindo a comida.
"En Galicia temos 24 especies de cetáceos rexistradas, algunhas extintas neste lado do Atlántico, e pasan polas nosas costas todos os anos", explica a vicepresidenta dea Cemma, Uxía Vázquez. "Fan migración detrás da comida, e por sorte quedan bastante tempo por aquí para alimentarse", engade.
Por iso aquí houbo en tempos unha importante industria baleeira, e aquí -en augas galegas- cazouse en 1985 a derradeira balea despezada en España. Hoxe están protexidas para a súa conservación, e é frecuente velas no verán. Esta que chegou morta á Coruña era unha femia adulta, de entre 10 e 20 anos, e de maior tamaño que as últimas que vararon.
"Neste caso pasamos dos 20 metros, o normal é que cheguen de entre 15 e 20 -di Vázquez-. A diferenza en metros pode ser pequena, pero en volume e toneladas é moitísimo máis, este tipo de animais require moito máis esforzo que traballar cun golfiño ou un arroaz".
Con cousa de 21 metros de longo e 30 toneladas de peso, imposible cargala enteira nun transporte. Fixeron falta cousa de vinte persoas, maquinaria variada e horas de traballo para movela e despezala. Precisaron varios intentos para cargala, por pezas, destino á incineradora. Antes, recolleron mostras de estudo.
"Xa recollemos as mostras externas, que son de pel, músculo e graxa, sobre todo para investigar toxicoloxía", explica Uxía Vázquez. Na Cemma farán estudos sobre a xenética, a dieta ou os contaminantes que puideron matar a balea.