A Xunta reformará a PAU para garantir "igualdade de condicións" e "evitar erros"
O Consello da Xunta aprobou reformar as probas de acceso á universidade, nas que buscará maior coordinación na toma de decisións entre as universidades e a propia Xunta
O Consello da Xunta aprobou este luns reformar a PAU tras as polémicas xurdidas durante as últimas probas realizadas hai dúas semanas.
Segundo asegurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a reforma ten dous obxectivos: "asegurar condicións máis xustas aos alumnos galegos", en comparación cos de outras comunidades españolas, e "ofrecer máis garantías e seguridade no proceso".
Segundo explicou o propio Rueda, a principal novidade será a maior intervención da propia Xunta na coordinación e na toma de decisión sobre as probas, "desde o principio, desde a elaboración ata a execución".
"Haberá unha comisión conxunta, que elaborará, custodiará e desenvolverá os exames", asegurou Reda, "na que participará de xeito real e efctivo" a propia Xunta.
Ademais, avanzou que "gañarán peso os profesores de instituto" e "haberá unha dobre revisión de cada modelo de exame".
Rueda considerou que os erros detectados nas probas este ano demostran que o modelo actual "pode ser mellorado".
Para dar unha "maior seguridade", reestrutúrase o proceso e contará con dous órganos: a comisión organizadora, que asumirá as funcións estratéxicas e de coordinación e estará adscrita á Consellería de Educación; e a comisión técnica que realizará tarefas operativas e loxísticas.
"O eixo fundamental da proposta son os grupos de traballo, a clave de bóveda de todo o proceso", apuntou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Neste sentido o Goberno galego propón catro reformas, entre a que se atopan dous niveis de revisión dos exames. Así, cada exercicio será previamente coñecido por dúas persoas, a redactora e a revisora.
"Cando haxa dúbidas no proceso, como pasou este ano e para dar maior seguridade, abrirase un proceso de revisión cooperativa entre ambas as, para así alcanzar unha versión que estea validada polas dúas persoas", detallou o conselleiro.
Unha vez recibida esa validación, o exercicio será remitido á dirección do grupo de traballo para a súa análise final.
O conselleiro tamén avanzou que se reunirá proximamente coas tres universidades públicas galegas, co obxectivo de que moitas das cuestións propostas estean establecidas na PAU do próximo ano.
Os cambios que expón a Xunta buscan tamén "avanzar nunha proba homoxénea" no conxunto de España, segundo avanzaron tanto o conselleiro como o presidente da Xunta.