A Garda Civil investiga catro denuncias por roubos en áreas rurais do Deza
Os cacos entraron en casas de varias parroquias de Lalín, levaron cartos e xoias
No lugar de Palio, en Lalín, contan que os cacos entraron en varias casas nos últimos días. Unha foi a de Juan Pinto. Aquela tarde el saíra co coche facer un recado e, cando volveu despois dunha hora, xa estaba o barrio revolucionado.
"Os meus veciños tiñan os coches fóra, e estaba a Garda Civil, dixeron que lles entraran aí" relata Juan. Máis sorpresa levou cando entrou no seu domicilio: "Estaba todo revolto, leváronme o ouro e os cartos dos netos que tiñan nun peto", di.
Reconstruíndo aquela tarde, lembra que lle chamou a atención ver tres persoas descoñecidas paseando polo lugar. "A primeira vez que pasaron non me estrañou, pero a segunda vez si: nunca os vira por aquí e chamoume a atención". Sospeita deles: cre que vixiaban o lugar porque aproveitaron o momento xusto, cando quedou baleiro. Sen testemuñas, a Garda Civil investiga os feitos.
"Colleron pegadas pero parece ser que usaron guantes, así que non sei -explica Víctor, o fillo de Juan-. Dixeron que o que é seguro é que entraron os mesmos alí e aquí".
E quizais tamén foron os mesmos os que entraron nunha casa en Regufe. Tamén foi sobre as sete da tarde, e tampouco estaban na casa. Cóntao Amadeo, veciño dos afectados, que di que cacos "fixeron moita desfeita" na vivenda. En Feás, tamén en Lalín, outra afectada cóntanos que librou por pouco: o carpinteiro que traballaba na súa casa espantou tres persoas que xa ían escaleiras arriba.
Despois da operación Loño, que deixou catro detidos e un investigado por atracos na zona, a Garda Civil investiga catro novas denuncias por roubos en vivendas na comarca do Deza.