Acabouse a política de portas abertas no rural: aumentan os roubos
Os ladróns aproveitan o despoboamento para entrar nas casas sen testemuñas
Recomendan pechar as portas, estar atentos a calquera movemento de estraños e denunciar
Importante pechar as portas pero mirar polo ferrollo.
"Para nós é moi importante a información. Un pequeno dato dunha matrícula, a cor dun vehículo, un ruído, ..., calquera cousiña é moi importante que nos chamen", sinala Ricardo Iglesias, responsable do Equipo Roca da Garda Civil de Pontevedra
Foron as claves para o éxito da operación Loño, o último golpe do Equipo Roca de Pontevedra a unha banda que actuaba nas comarcas do Deza e mesmo do Ulla. Catro detidos, e un quinto investigado, por case unha ducia de roubos.
"Vivendas, locais sociais, mesmo nalgunha nave, onde levaban produtos agrícolas. Eran un grupo moi activo... un respiro!, engade Iglesias.
Actúan protexidos polo despoboamento do rural.
"As vivendas illadas son un problema", advirte o xefe do equipo Roca.
As principais vítimas, os maiores. Para axudalos a protexerse, púxose en marcha o Plan Maior, con visitas, charlas e consellos, que os hai.
"Temos que desconfiar da xente que nos ofrece luz, cambios no gas... Nunca se paga en metálico. Non deixar á vista apeiros de labranza. É importante iluminar o exterior das vivendas, ter unha alarma e é importante pechar. Moi importante pechar! Non é como antigamente", recomenda o Garda Civil.
Entran nas casas buscando cousas de valor, pero cando non as atopan estragan e, sobre todo, deixan a sensación de medo, de indefensión, nun espazo que antes era seguro.
"Sinto inseguridade porque entraron coma se non houbese pechadura", confesa unha vítima.
"Estamos con medo porque, se estamos durmindo e chega alguén á casa...", laméntase unha veciña.
"Senten inseguridade porque a ninguén lle gusta que lle anden nas súas cousas, na súa intimidade, nos recordos..., que leven unha alianza", coincide o responsable dos Roca de Pontevedra.
O Equipo Roca, que peitea o rural palmo a palmo, insiste na importancia de denunciar, por pequeno que sexa o valor do roubado.
"Que presenten denuncia, e é importante que non se toque nada. É importante facer un perímetro porque os autores dos roubos sempre deixan algunha pegada no chan ou rastro doutro tipo, e nos imos cos reactivos e podemos sacar indicios", insiste o garda civil Ricardo Iglesias.
Porque non hai crime sen rastro nin tampouco roubo sen pegada.