Publicador de contidos

Publicador de contidos

Logra sobrevivir seis meses cun fígado de porco trasplantado modificado xeneticamente

Logra sobrevivir seis meses cun fígado de porco trasplantado modificado xeneticamente

É o primeiro xenotrasplante hepático auxiliar realizado dun porco modificado xeneticamente a un receptor humano vivo

Arquivo/JOE CARROTTA PARA NYU LANGONE HEALTH Arquivo/JOE CARROTTA PARA NYU LANGONE HEALTH
G24.gal 09/10/2025 09:10

Un paciente de 71 anos, con cirrose e cancro de fígado, sobreviviu case seis meses (171 días) cun fígado de porco transplantado, tras ser modificado xeneticamente. Este caso pioneiro abre unha vía potencial para salvar a brecha mundial entre a demanda e a dispoñibilidade de órganos.

O achado, recollido este xoves na revista Journal of Hepatology, constitúe un fito, ao ser o primeiro xenotransplante (dun animal a un ser humano) hepático auxiliar realizado dun porco modificado xeneticamente a un receptor humano vivo. É "auxiliar" porque o fígado do paciente non foi extraído por completo.

O paciente

O home transplantado padecía unha cirrose relacionada coa hepatite B e un carcinoma hepatocelular grave no lóbulo dereito (sen metástases coñecidas), polo que non era candidato para un transplante convencional de fígado humano.

O xenotrasplante non se expuxo como tratamento oncolóxico curativo, senón como unha estratexia de apoio para evitar un fallo hepático tras a extirpación do tumor, xa que o seu fígado era insuficiente.

Os cirurxiáns implantaron un enxerto auxiliar dun porquiño pequeno para mellorar a compatibilidade inmunolóxica e de coagulación.

O enxerto funcionou eficazmente durante o primeiro mes tras a cirurxía, pero o día 38 retiróuselle o enxerto tras sufrir unha microanxiopatía trombótica asociada ao xenotrasplante que foi resolta con éxito.

A pesar diso, o paciente sufriu episodios repetidos de hemorraxia gastrointestinal nos días sucesivos e faleceu na xornada 171 desde a data de recepción do transplante.

Segundo os investigadores, o traballo demostra que os fígados porcinos modificados xeneticamente poden desempeñar funcións metabólicas e sintéticas claves nos seres humanos, á vez que serve para comprender as complicacións biolóxicas e os retos éticos que seguen limitando os bos resultados a longo prazo.

O potencial dos xenotransplantes

"Este caso demostra que un fígado de porco modificado xeneticamente pode funcionar nun ser humano durante un período prolongado", sinala un dos autores, Beicheng Sun, investigador do Departamento de Cirurxía Hepatobiliar da Universidade chinesa de Anhui nun comunicado.

Engade que "se trata dun paso adiante fundamental, que demostra tanto o potencial dos xenotransplantes como os obstáculos que aínda quedan por superar, en particular no que respecta a desregulación da coagulación e as complicacións inmunitarias".

Malia que persisten aínda moitas incógnitas os expertos coinciden: o xenotransplante pode abrir camiños completamente novos nun contexto de enorme escaseza de órganos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade