Publicador de contidos

Publicador de contidos

ASIME oferta cursos para paliar a falla de man de obra cualificada no sector do metal

ASIME oferta cursos para paliar a falla de man de obra cualificada no sector do metal

A Asociación de Industrias Metalúrxicas de Galicia precisa 1.500 persoas para executar os proxectos en carteira

A formación, dirixida a xente desempregada, dura sete meses e proporciona un certificado oficial con validez estatal 

G24.gal 13/09/2025 15:05 Última actualización 13/09/2025 17:21

As empresas do metal en Galicia precisan traballadores cualificados. É unha necesidade dende hai anos, para poder sacar adiante os proxectos encargados e poder asumir novas tarefas.

Neste contexto de urxencia, a Asociación de Industrias Metalúrxicas (ASIME) formará persoas desempregadas para a súa incorporación, o máis rápida posible, ao sector.

Esta falta de man de obra é algo endémico en Galicia. Falta de todo. Faltan soldadores, caldeireiros, tubeiros pero tamén traballadores na administración. Agora, está aberto o prazo de matrícula para o curso de formación neste eido.

Hai quince prazas, durará uns sete meses e suporá ter un certificado oficial con validez estatal. Enrique Mallón, secretario xeral de ASIME, asegura que nos vindeiros meses irán abrindo cursos para soldadores, operarios de mantemento industrial, electromecánicos... 

"Unha formación específica, unha formación axustada ao posto de traballo, e tamén nós imos achegar as prácticas en empresas onde nos últimos anos temos unha inserción que supera o 80%. Máis do 80% dos alumnos entran a formar parte dos cadros de persoal das nosas empresas", conta á TVG.

Porque a metalurxia, non só a naval, senón tamén a da automoción, a aeronáutica, a eólica mariña, ten moita carga de traballo e menos man de obra cualificada da que necesita. 

"O sector do metal galego, que está integrado por máis de 60.000 persoas, precisa como mínimo de 1.500 persoas para atender practicamente os proxectos que están pechados a día de hoxe e para os vindeiros anos, 1.500 persoas cualificadas. Pero en realidade, nós botamos a faltar máis de 5.000 persoas para poder captar e executar proxectos que vemos, que estamos ollando a nivel nacional e internacional nos que poderiamos participar, nos que poderían participar as nosas empresas", explica Mallón. 

Estiman desde ASIME que esta insuficiencia de traballadores cualificados faille deixar de gañar ao sector un 20 % da facturación, uns 3.200 millóns de euros ao ano. O sector da metalurxia supón o 19% do PIB  galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade