Que facer coa la segue a ser un problema importante para os criadores de ovellas
Lugo acolle o segundo Foro da la, no que ovelleiros e artesáns difunden as bondades desta materia prima
Celebrouse en Lugo esta fin de semana o segundo Foro da La, un evento que permite o encontro entre ovelleiros, artesáns e comerciantes para tratar a situación desta materia prima no país.
Un dos principais problemas dos criadores é que non saben que facer coa la despois de rapar as ovellas, xa que agora hai moitas dificultades para a súa venda.
Segundo María Xesús Crespo, presidenta de OVICA, unha das posibles solucións sería crear pequenos lavadoiros en Galicia, xa que unha vez lavada a la, a súa comercialización é moito máis doada.
O sector ovino tamén sofre unha crise debido a que cada día descende o número de ovellas e o de criadores. Para paliar este problema, está previsto que se cre unha escola de pastores a partir do ano que vén.
No foro, ofrecéronse tamén produtos moi diferentes feitos con la, como xabróns, calzado, bolsos ou puchos.