Medio Rural autoriza a volta de feiras con gando bovino de explotacións galegas
As novas medidas entran en vigor o 1 de decembro e estarán vixentes ata final de ano, podendo ser prorrogadas
Mantén activas o resto das medidas adoptadas fronte á dermatose nodular contaxiosa
Segue activo o período de vixilancia de 21 días para todos os animais procedentes de explotacións de fóra de Galicia e mantense tamén o permiso para a súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro
A Consellería do Medio Rural actualiza as medidas de prevención fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC), polo que volve autorizar a celebración de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino en Galicia con finalidade comercial, aínda que polo momento só con asistencia de animais procedentes de explotacións galegas.
A maiores, os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpados, desinfectados e desinsectados. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará meste venres a resolución pola que se actualizan estas medidas, as cales entrarán en vigor o vindeiro 1 de decembro e estarán vixentes ata o día 31 do mesmo mes, podendo ser prorrogadas, de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade.
No caso da celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións de gando bovino, deberá contarse coa autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.
Mantense a vixilancia de 21 días
Ademais, segue estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade.
A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante o mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.
Cabe sinalar que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Mensaxe de tranquilidade
Por outro lado, a Consellería do Medio Rural lanzou unha mensaxe de tranquilidade ao sector, asegurando que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas.
Tamén, tal como lembrou este xoves a conselleira no seo do Consello Agrario Galego, séguese reclamando ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación unha maior implicación do seu departamento e unha estratexia clara de coordinación para o control eficaz desta enfermidade, co fin de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade no sector gandeiro.
Por parte da Consellería do Medio Rural púxose en marcha xa no verán unha campaña de información para o sector gandeiro co fin de explicar esta enfermidade e recomendar o incremento de medidas de prevención e bioseguridade nas explotacións, xa antes de que se detectaran os primeiros focos da doenza en España.