Publicador de contidos

Publicador de contidos

A baliza V-16 será obrigatoria a partir do 1 de xaneiro: requisitos e como evitar multas

A baliza V-16 será obrigatoria a partir do 1 de xaneiro: requisitos e como evitar multas

Tráfico retira a homologación de catro balizas V-16 a escasos días de que o seu uso sexa obrigatorio en todos os vehículos

As balizas deberán estar certificadas por IDIADA ou LCOE

Non levar a baliza V-16 no vehículo ou levar unha que non estea homologada suporá unha sanción considerada leve de 80 euros

G24.gal 30/12/2025 16:41

A baliza V-16 será obrigatoria a partir do 1 de xaneiro de 2026 para sinalizar avarías e accidentes en estrada. As balizas deberán estar certificadas por IDIADA ou LCOE, que son os laboratorios técnicos autorizados que ratifican que os modelos cumpren coa normativa esixida para o uso e bo funcionamento destas.

Non levar a baliza V-16 no vehículo ou levar unha que non estea homologada suporá unha sanción considerada leve de 80 euros, a mesma cantidade que a establecida para quen non leve os triángulos de presinalización.

A DXT elimina a homologación aos dispositivos Don Feliz, The Boutique For Your Car, Ikrea e Call SOS

A escasos días de que o seu uso sexa obrigatorio en todos os vehículos que circulen polas estradas españolas, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) retirou a homologación de catro balizas V-16.

En concreto, a DXT eliminou a homologación aos dispositivos das marcas comerciais Don Feliz, The Boutique For Your Car, Ikrea e ao modelo de fabricación española denominado Call SOS, tras finalizar a vixencia dos seus respectivos certificados administrativos.

Os produtos deixarán de comercializarse nos puntos de venda, pero os condutores que os adquirisen poderán seguir usándoos a partir do 1 de xaneiro de 2026, ao cumprir todos os requisitos técnicos.

E é que os motivos desta retirada son principalmente a falta de renovación das licenzas por parte dos fabricantes e non fallos técnicos detectados no funcionamento das luces.

A asociación de consumidores Facua afirma que as balizas compradas antes de perder a súa vixencia cumpren con todas as especificacións técnicas de seguridade necesarias para substituír os tradicionais triángulos de sinalización.

A DXT lembra que este dispositivo ten como obxectivo reducir a sinistralidade

Tráfico insiste en que "non hai vocación de multar" coa obrigatoriedade de que os condutores leven, a partir do próximo 1 de xaneiro, a baliza V-16 homologada.

"Non hai ningunha vocación de multar. Substituímos os triángulos por este dispositivo que o que fai é achegar seguridade. Esa V-16 luminosa e conectada vai mellorar a nosa seguridade", aseguraba a subdirectora da DXT, Ana Blanco, nunha entrevista na Cadena Ser.

A número dous de Pere Navarro destacou que "aínda hai marxe" para que os condutores adquiran a baliza V-16 obrigatoria. "Temos días para dotarnos deste dispositivo de seguridade", precisou.

Desde a DXT lembran que este dispositivo, que substituirá os triángulos de emerxencia, ten como obxectivo reducir a sinistralidade, evitando que os ocupantes do vehículo accidentado deban abandonalo para colocalo e avisando ao resto de condutores da zona de que hai un vehículo avariado.

Que vehículos deberán levar a baliza e como usala?

Deberán levar a baliza V-16 os turismos, furgonetas, autobuses, vehículos mixtos, camións e conxuntos de vehículos non especiais, conforme ao recollido no anexo XII do Regulamento Xeral de Vehículos. No caso das motocicletas, recoméndase o seu uso por razóns de seguridade aínda que non existe obrigatoriedade.

O aparello deberá gardarse cargado na guanteira ou noutro lugar accesible dentro do vehículo. No caso de ter que usalo, o condutor acenderao e colocaralo desde o interior do coche na parte máis alta posible do vehículo, de modo que a súa visibilidade física sexa maior (o teito ou, no caso dos autobuses e camións, a porta do condutor).

Unha vez que a baliza estea acendida e colocada na parte alta do vehículo, emitirá un sinal luminoso e, ademais, transmitirá a localización exacta do vehículo avariado de forma automática á plataforma DXT 3.0.

Deste xeito, os condutores que circulen pola zona recibirán esta información a través dos seus navegadores, aplicacións de mobilidade ou paneis de mensaxe variable. Tras isto, corresponderá ao condutor valorar se é posible abandonar ou non o vehículo en condicións de seguridade.

"A baliza conectada non vixía ao condutor: só envía un sinal anónimo cando ti a acendes por unha emerxencia", aclarou o responsable de Produto de Wottoline, Borja Martín Palomino.

Desde a compañía, que dispón de dous modelos homologados (FaseLight e iWottoLight), lembran a importancia de elixir balizas homologadas e xeolocalizables, con xeolocalización anónima e servizos extra a través da app SOS Alert.

Nun mercado no que conviven balizas que "non cumpren con todos os requisitos", Martín Palomino subliñou a importancia de diferenciar "entre simples luces de emerxencia e balizas V16 homologadas e xeolocalizadas".

Ante as dúbidas dos usuarios pola privacidade destas balizas, explicou que tanto no modelo FaseLight como iWottoLight a SIM integrada é anónima: non está asociada ao nome, DNI nin teléfono do condutor.

"Non hai que facilitar ningún dato persoal para usar a baliza. Só se envía á DXT 3.0 a posición do vehículo detido e datos técnicos do dispositivo, nada máis. A xeolocalización só se activa cando se acende a baliza por unha incidencia; mentres está apagada, non emite sinal nin fai seguimento do vehículo", apuntou o responsable de Produto da empresa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade