Publicador de contidos

Publicador de contidos

A AP-9, entre as autoestradas que máis soben de España: ir de Tui a Ferrol custará máis de 28 euros

A AP-9, entre as autoestradas que máis soben de España: ir de Tui a Ferrol custará máis de 28 euros

A Autoestrada do Atlántico subirá un 4,68% a partir do 1 de xaneiro

A AP-53, que une Santiago, Silleda, Lalín e Dozón subirá un 3.64%

G24.gal 30/12/2025 18:44 Última actualización 30/12/2025 19:05

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible resolveu a actualización das peaxes das autoestradas de titularidade estatal baixo concesión administrativa para 2026 cun aumento de ata o 4,68%, segundo informou nun comunicado este martes.

A partir do próximo 1 de xaneiro de 2026, as tarifas subirán entre o 3,64% e o 4,68%, en función das condicións específicas de cada concesión.

A AP-9, entre as autoestradas que máis soben de toda España

A Autoestrada do Atlántico subirá a partir deste día un un 4,68%, pero as subidas  non serán uniformes en todos os treitos. Uns seguirán sendo máis caros ca outros.

A falta de que se confirmen prezos definitivos, que redondean a múltiplos de cinco para facilitar os pagamentos en efectivo, calcúlase que a viaxe entre Vigo e A Coruña custará 21,41 euros e o a viaxe entre Tui e Ferrol sairá por 28,11 euros.

A AP-53, que une Santiago e Dozón, subirá un 3.64%

O departamento dirixido por Óscar Puente indicou que a actualización das tarifas aplicables na AP-51, AP-61, AP-6, AP-53, AP-66, AP-7 Alacante-Cartaxena, AP-7 Málaga-Guadiaro, AP-68, AP-71, AP-9 e AP-46 aprobouse mediante unha orde ministerial, a proposta da Delegación do Goberno nas Sociedades Concesionarias de Autoestradas Nacionais de Peaxe.

O Estado subvenciona as peaxes con 15 millóns de euros para mitigar os efectos da inflación

A finais de 2022 habilitouse unha subvención para mitigar os efectos da alta inflación e estableceuse a obriga de eliminala a finais de 2026, repercutíndoa no usuario de forma escalonada no prazo de tres anos.

Nesta liña, o Ministerio lembrou que cómpre ter en conta que a subida de tarifas é acumulativa, polo que se dá a necesidade de repercutir novamente no usuario a diferenza que non abonou en 2023, aínda que pouco a pouco, para que poida ser asumida en mellores condicións.

"Se non se tivese continuado con esta medida en 2026, o aumento das peaxes tería oscilado entre o 4,72% e o 5,86%", resaltou o departamento de Transportes, sinalando que o importe que se destinará para esta subvención en 2026 estímase en 15 millóns de euros. En total, a cantidade subvencionada polo Ministerio entre 2023 e 2025 supera os 73 millóns.

Ao fío, o departamento de Transportes reseñou que, ademais das medidas extraordinarias e temporais aprobadas, o Goberno realiza unha política de axudas para reducir os custos que soportan os usuarios que utilizan as autoestradas de peaxe estatais de forma habitual. Nalgúns casos, estas bonificacións foron concertadas cos gobernos autonómicos, que contribúen economicamente á medida.

Así, na autoestrada AP-9 aprobáronse en 2021 unhas bonificacións por habitualidade que se suman a outros descontos xa existentes, como o uso gratuíto dos treitos Morrazo-Vigo e A Coruña-Barcala mediante o pagamento dunha peaxe en sombra polo Estado.

E en abril de 2025 aprobáronse para a AP-53 bonificacións iguais ás decretadas en 2021 e 2024 na AP-9.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade