Publicador de contidos

Publicador de contidos

A falla de examinadores aumenta a lista de espera nas autoescolas a máis de seis meses

A falla de examinadores aumenta a lista de espera nas autoescolas a máis de seis meses

Aseguran que nalgúns casos a demora pode chegar ata un ano 

As academias levan reclamando moito tempo a falla de examinadores para a proba práctica

Os alumnos máis afectados son os que necesitan o permiso de conducir para conseguir un traballo

G24.gal 04/07/2026 14:21

Co verán moitos son os que se apuntan nas autoescolas para obter o permiso de conducir. Pero dende hai anos, a falla de examinadores está provocando a aparición de listas de espera para realizar o exame práctico.

"Pasamos de ter unha lista de espera para facer as prácticas dun mes ou menos, agora en determinados centros a norma xeral é que haxa unha lista de espera de entre seis meses e un ano para poder comezar a facer as prácticas", comenta Jesús Cernadas, vicepresidente da Asociación Provincial de Autoescolas da Coruña e director da autoescola Montecarlo.

Aínda que as listas de espera para o exame práctico semellan un mal xeneralizado en toda Galicia, as academias da zona de Santiago de Compostela aseguran estar sufrir unha situación insostible

"Tiñamos seis examinadores e este ano imos quedar con un. Un examinador, que traballa a xornada completa, e un coordinador que adoita facer a metade de exames. Se xa tiñamos unha redución no verán moi grande, este ano moito, moito peor", comenta Jesús Cernadas.

Segundo relatan dende as autoescolas as listas de espera afectan especialmente aos que necesitan o permiso para optar a un traballo

"Os condutores de camión e tráiler lévano fatal. Non entende como pode ser que eles queiran acceder ao mercado laboral ou a unha oposición e non poidan moitos acceder a ela por mor de que tráfico non nos dá cotas ás autoescolas para poderen examinalos", laiase o directivo da Asociación Provincial de Autoescolas da Coruña.

Dende a Confederación Nacional de Autoescolas denunciouse o problema diante da Dirección Xeral de Tráfico, sen resultados ata agora, malia que as academias teñen moi claro a solución ao conflito.

"O único problema que temos é de examinadores. Fálase de que pode haber falla de profesores de autoescola, si, pero o principal obstáculo que temos é de examinadores, como se está a ver no verán que non temos capacidade para examinar", sentenza Jesús Cernadas.

Dende as autoescolas ven difícil unha solución a curto prazo nunha problemática que afecta tanto a alumnos como a academias.

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade