Sorprenden dúas persoas con dispositivos electrónicos no teórico do carné de conducir en Pontevedra
Os dous cidadáns, de nacionalidade estranxeira, levaban un teléfono móbil no interior da roupa, colocado cunha microcámara aberta camuflada, unha tarxeta bluetooth e un miniauricular
Este tipo de actuacións poden derivar en responsabilidade penais e tamén en sancións económicas de 500 euros
Integrantes do Grupo de Investigación e Análise de Tráfico (GIAT), a requirimento de persoal da Xefatura Provincial de Tráfico, identificaron dous cidadáns estranxeiros que usaron medios técnicos no exame teórico para a obtención do permiso de condución.
Segundo informou a Garda Civil nun comunicado, os feitos producíronse os días 26 de maio e 2 de xuño, cando aos dous cidadáns lles detectaron indistintamente un teléfono móbil no interior da roupa, colocado cunha microcámara aberta camuflada, unha tarxeta bluetooth e un miniauricular.
Accións preventivas para unha mellora da seguridade viaria
Estas actuacións foron detectadas con motivo das accións preventivas encamiñadas a erradicar a obtención do permiso de condución de forma fraudulenta, mediante a utilización de medios ou dispositivos electrónicos non autorizados, a prol da mellora da seguridade viaria e reducir a sinistralidade nas estradas.
É frecuente que os compoñentes do GIAT do Subsector de Tráfico realicen controis sobre os cidadáns que se presentan ás probas do exame teórico do permiso de condución, sobre todo daqueles procedentes de países terceiros.
Estas condutas poden derivar en responsabilidades penais
A Garda Civil lembrou que intentar copiar no exame teórico para a obtención de permisos de condución de vehículos constitúe unha conduta fraudulenta que pode carrexar graves consecuencias administrativas, e en determinados supostos, como, por exemplo, a usurpación de estado civil e falsidade documental, poderían derivar en responsabilidades penais.
Entre as medidas previstas atópanse a anulación do exame, unha sanción económica de 500 euros, así como a imposibilidade de volver presentarse á proba durante un período de 6 meses.