Rueda reivindica a Galicia como referente mundial en vacinación
Medio millar de expertos en vacinas reunidos en Vigo alertan do risco dos bulos e o negacionismo
Nos últimos 50 anos as vacinas salvaron, polo menos, 154 millóns de vidas
No 2023 houbo 14 casos de sarampelo en España e o ano pasado case 400. Máis de medio millar de expertos en vacinas reunidos en Vigo piden non baixar a garda. Nos últimos 50 anos as vacinas salvaron, polo menos, 154 millóns de vidas.
Victoria Nartallo, copresidenta do comité organizador do congreso da Asociación Española de Vacinoloxía di que "a vacinación do sarampelo é nos nenos e hai que asegurar esa dúas doses ".
Os especialistas tamén alertan do risco dos bulos e o negacionismo:
"As luces teñen que predominar nun momento en que hai persoas que poden mirar de espaldas ás luces temos que ter a capacidade de que confien en nós", asegura Jaime Jesús Pérez, presidente da Asociación española de Vacunoloxía.
E ás portas do pico dos virus respiratorios lembran que "é tan importante vacinarse da covid como da gripe, porque evitamos as formas graves destas infeccións respiratorioas", di Nartallo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou a Galicia como referente mundial en vacinación:
"A prevención é saude con maiúscula e a Xunta seguirá apostando por ela", asegurou
O lema deste congreso que se celebra no Auditorio Mar de Vigo é 'Situando ás vacinas no seu lugar, unha prioridade sanitaria e social', e o titular do Gobierno galego avanzou que desde a comunidade autónoma apóstase firmemente pola investigación co obxectivo de "seguir á vangarda" en vacinación.
Acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, Rueda defendeu que "as vacinas salvan vidas" e constitúen unha das máximas prioridades do sistema sanitario galego.
Un dos calendarios de vacinación "máis completos do mundo"
O presidente da Xunta lembrou que a rexión conta con "un dos calendarios de vacinación máis completos do mundo".
No marco da actual campaña da gripe, o titular do Executivo autonómico puxo en valor a aposta pola innovación mediante o ensaio clínico Combogal, orientado a estudar os beneficios dunha vacina combinada fronte á gripe e covid-19 para maiores de 65 anos.
Este estudo está liderado polo doutor Federico Martinón e a Consellería de Sanidade e unicamente están implicados nel Dinamarca e Galicia.
Rueda agradeceu "o esforzo do conxunto do persoal sanitario" na execución das campañas e felicitou á sociedade galega pola súa elevada implicación e concienciación.