Publicador de contidos

Publicador de contidos

As Pontes dirá adeus o 30 de xullo ás catro torres da vella central térmica

As Pontes dirá adeus o 30 de xullo ás catro torres da vella central térmica

As construcións serán demolidas mediante unha voadura controlada que obrigará a deter temporalmente unha subestación eléctrica

Arquivo (Europa Press/Carlos Castro) Arquivo (Europa Press/Carlos Castro)
G24.gal 03/07/2026 12:14

O Concello das Pontes confirmou que a demolición das torres de refrixeración da antiga central térmica de Endesa terá lugar o 30 de xullo, unha vez finalizadas as Festas do Carme, despois de descartar a data inicialmente exposta polas empresas implicadas, o 16 de xullo, por coincidir coas celebracións patronais.

O alcalde da localidade, Valentín González Formoso, explicou que a proposta inicial respondía a criterios técnicos e de menor afección para a actividade industrial, aínda que o consistorio trasladou desde o pasado mes de maio que non aceptaría a execución dos traballos durante as festas locais.

A actuación requirirá a parada do parque de transformación da central e a execución dunha voadura controlada das catro torres, o cal fará necesario establecer un cero enerxético na subestación situada xunto ás instalacións. Esta infraestrutura é un punto estratéxico da rede eléctrica, ao canalizar a evacuación de enerxía de varios parques eólicos e servir de conexión para grandes consumidores industriais.

Como consecuencia, durante a xornada da demolición interromperase temporalmente a subministración eléctrica nas instalacións afectadas.

O Concello agradeceu a colaboración das empresas e operadores implicados, entre eles Megasa, Alcoa, Redeia, Naturgy e Endesa, que coordinaron os traballos para fixar unha data compatible coas necesidades operativas de todas as partes.

Dispositivo de seguridade

O dispositivo de demolición desenvolverase baixo os protocolos de seguridade establecidos pola normativa vixente e contará coa coordinación da Policía Local, Protección Civil e a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia. Segundo o consistorio, o operativo seguirá un modelo similar ao empregado na demolición das torres da central de Cerceda, que se desenvolveu sen incidencias.

Durante a execución dos traballos será necesario cortar temporalmente as estradas próximas á central para garantir a seguridade e facilitar os labores de demolición.

Ademais, o Concello iniciou unha campaña informativa dirixida aos veciños das vivendas máis próximas á zona de actuación para comunicar con antelación as medidas previstas e o desenvolvemento da operación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade