Investigan un pontevedrés por estafar 10.000 euros cunha falsa oferta de emprego
Son ofertas suculentas que prometen bos ingresos con pouco esforzo
Un engano recurrente no que caen persoas sen traballo, que buscan un ingreso á desesperada
As estafas por Internet son a metade das denuncias na Cibercomandancia, un servizo para denunciar a distancia
É unha das estafas máis recorrentes por suculenta. Por exemplo, oferta de emprego con opción de gañar ata 500 ao día, traballando en ocos libres. Chegan por mensaxe, facendo unha simple busca en Internet ou, como no caso desta vítima, con anuncios en redes.
Difícil resistirse.
"Solicitaban persoas para un teletraballo que consistía en facer manualidades, traballo en liña, ben remunerado, con poucas horas de traballo ao día", explica Eduardo Mencía, Garda Civil da Cibercomandancia.
Todo facilidades. Tras un primeiro contacto, o obxectivo é gañar a confianza da vítima.
"Derívana a un grupo de Telegram onde van mostrando os beneficios que obteñen, o pouco traballo que lles dan as manualidades", segue o Garda Civil.
Fai os primeiros pagos para comprar material e chega a recompensa. Pequena pero eficaz.
"Aí xa ten confianza para lanzarse a facer os pagos máis grandes na compra do material para obter un beneficio maior", lamenta Eduardo Mencía.
Ata 10.000 euros chegou a investir nun material que nunca chegou. Foi aí cando presentou a denuncia na Cibercomandancia da Garda Civil, tamén por Internet, un servizo relativamente novo da Garda Civil.
"Facilita moito ao cidadán poñer unha denuncia porque pode facelo dende a casa ou dende o traballo, sen perder tempo. Só precisa un teléfono ou un ordenador e identificarse co certificado dixital", salienta María Jesús Alba Guerra, cabo primeiro da Cibercomandancia.
Pódense presentar a distancia denuncias por danos, furtos, roubos, perda de documentación e estafas. Son as máis numerosas. Máis da metade das que reciben.
"Hai outras, como é a estafa dos 'likes' pero o modus operandi é o mesmo: buscan persoas que estean en situación de desemprego ou que tendo un traballo, precisen uns ingresos mensuais extra", advirte Mencía.
"Hai que achegar toda a información, facer capturas de pantallas, gardar correos electrónicos, ou conversas que se mantiveron cos estafadores a través de calquera aplicación", insiste a cabo primeiro.
Neste caso, hai catro persoas investigadas, un deles de Pontevedra. A Garda Civil advirte destes anzois porque, como di o refrán, ninguén dá pesos a catro pesetas.