Publicador de contidos

Publicador de contidos

A operación contra o tráfico de drogas desenvolvida en Monforte finaliza con oito detidos

A operación contra o tráfico de drogas desenvolvida en Monforte finaliza con oito detidos

A policía incautouse de máis de 700 doses de cocaína e doutras drogas nos rexistros realizados o martes á mañá

G24.gal 14/08/2025 13:28

A Policía Nacional detivo en Monforte de Lemos oito persoas por tráfico de drogas e resistencia ás autoridades nunha operación desenvolvida a principios desta semana, na que este municipio lucense celebra as súas festas patronais.

Segundo informaron desde a Comandancia de Lugo, durante a mañá do 12 de agosto levou a cabo na capitalidade monfortina a operación Coro, un operativo antidroga coa finalidade de desarticular varios puntos negros de venda da cidade.

O operativo finalizou con oito persoas detidas e a incautación de máis de 700 doses de cocaína, ademais doutras substancias como haxix, marihuana e pastillas.

Durante a operación, os axentes efectuaron rexistros simultáneos en catro vivendas situadas nun mesmo inmoble da Rúa Duquesa de Alba, atopándose en todas elas "mercadoría preordenada ao tráfico de drogas", balanzas de precisión, utensilios de corte, pastillas e diñeiro efectivo superior aos 10.000 euros.

O dispositivo prolongouse durante cinco horas, o que xerou unha grande expectación na cidadanía debido á importante despregadura de medios policiais.

Os rexistros tamén se estenderon a un coñecido local de hostalería próximo ao inmoble.

Como resultado do operativo, os axentes practicaron sete detencións por tráfico de drogas e unha por resistencia e desobediencia á autoridade.

Os detidos foron postos á disposición xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade