Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desmantelan un punto de venda de drogas en Boiro e deteñen dez persoas

Desmantelan un punto de venda de drogas en Boiro e deteñen dez persoas

A Garda Civil asegura que se chegaron a detectar ata máis de 30 compradores nun só día nun centro de subministración de drogas que funcionaba as 24 horas

G24.gal 03/07/2025 08:46 Última actualización 03/07/2025 10:06

A Garda Civil desarticulou punto de venda de drogas no centro urbano de Boiro, que cualifican como "moi activo", e detivo dez persoas veciñas de Boiro e Rianxo como presuntas autoras dun delito contra a saúde pública e pertenza a grupo criminal.

A investigación, levada a cabo por axentes do posto de Boiro, informa a Benemérita nun comunicado, iniciouse en xuño de 2024 e centrouse nunha vivenda no centro da localidade que operaba como un punto de venda de estupefacientes as 24 horas do día.

Tras as pescudas puido constatarse que a responsable do grupo, con antecedentes por delitos de drogas, utilizaba complexas estratexias para evitar ser detectada. Cambiaba constantemente os métodos de distribución, realizaba paradas intermitentes nos seus traxectos e contaba cunha rede de colaboradores que efectuaban as vendas en distintos puntos discretos do centro urbano, alternando os distribuidores para non levantar sospeitas. Nalgúns momentos chegáronse a identificar ata nove persoas realizando estes labores de venda.

A trasfega de toxicómanos na zona era notorio, asegura a Garda Civil, o que provocara un aumento significativo de roubos e furtos, perpetrados por persoas con amplo historial delituoso que acudían ao momento de venda desde diversas localidades da comarca do Barbanza para adquirir cocaína, crac, heroína, haxix, entre outras substancias. Chegouse a constatar a presenza de máis de 30 compradores nun só día.

Este pasado 24 de xuño os axentes procederon á detención da principal dirixente do grupo ao saír da vivenda obxectivo da investigación. Posteriormente realizouse un rexistro domiciliario.

Durante as intervencións policiais e o rexistro interviñéronse 197 doses de cocaína (42,16 gramos), 303 doses de heroína (33,08 gramos), 8 doses de crac (1,9 gramos), 93 doses de haxix (28,09 gramos), 15 pastillas de metadona (3 gramos) e 12 doses de marihuana (5,98 gramos).

Ademais da droga, incautáronse obxectos procedentes de roubos e furtos, incluíndo unha bicicleta valorada en 3.000 euros que xa foi recoñecida polo seu dono. Tras estas intervencións practicáronse as detencións das outras persoas que formaban parte do grupo criminal como colaboradores directos na distribución das drogas.

Con estas detencións a investigación dáse por pechada. A Garda Civil asegura que se logrou desactivar un punto de subministración de drogas de gran relevancia na comarca do Barbanza.

Os detidos foron postos á disposición xudicial do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Ribeira, que decretou o ingreso en prisión da responsable do grupo e deixou en liberdade con cargos os outros oito implicados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade