Tatuarse no verán require duns coidados específicos para non sufrir infeccións
Debe evitarse durante quince días a exposición solar, bañarse no mar e na piscina
Cada vez hai máis xente maior que quere que lle pinten na pel recordos de vida
Co bo tempo aumenta a exposición dos corpos ao sol e cada vez hai máis xente tatuada que aproveita o verán para lucir os seus deseños.
No caso de facer unha tatuaxe nova nesta época do ano, deben saber que cómpre evitar o sol, a praia e a piscina durante un mínimo de 15 días para que cicatrice ben a pel e evitar infeccións.
Hai xa máis dunha década que as tatuaxes deixaron de ser un estigma para convertérense nun enfeite, un recordo permanente adherido ao noso corpo, que tornou en lenzo.
"Agora mesmo é como un complemento máis, coma unha pulseira ou unha cadea. Todo o mundo, desde os máis novos ata os maiores. Teño xente de 86 a 94 anos que os piden. Non hai idade. Vén unha señorda dunha aldea facer unha tatuaxe dos netos, ensínallo ás amigas, veñen e descobren que é normal. Gústalles e repiten", asegura Diego Batalini, tatuador que ten o seu estudo en Padrón.
"Gustábanme as tatuaxes e aos 16 anos, porque antes non tiña idade, acompañáronme meus pais e fixen a primeira." relata Rodrigo Taibo, que xa ten un brazo enteiro tatuado e continúa polo outro.
Tatuarse normalizouse, polo boca a boca e tamén por influencia das redes sociais. Tanto que é necesario insistir nos seus coidados, sobre todo cando alguén decide facelo nesta época.
"A primeira semana é imprescindible que non vaias á auga, nin piscina nin sauna, tampouco se pode ter unha exposición ao sol contínua porque a tinta é fotosensible e reacciona co sol e pode causar incluso unha reacción alérxica. A auga salgada é boa pero non para as tatuaxes porque se acelera a curación e estas deben curar ao seu tempo. Tampouco a piscina porque hai cloro e máis xermes e máis problemas", explica Diego Batalini
Insiste en que é imprescindible coidar tamén as tatuaxes antigas, usar un protector solar de máis de 50 e non expoñerse moito tempo directamente ao sol.