A tatuaxe pode ser unha ferramenta útil no proceso de reconstrución mamaria
A micropigmentación areolar pode devolver a cor e a forma da mamila cun resultado visualmente tridimensional
Rafa Garabal deixou o seu traballo como enfermeiro para dedicarse á súa paixón, a tatuaxe, pero desde hai un ano une en certo sentido as dúas profesións. Formouse en micropigmentación areolar ou tatuaxe oncolóxica e reconstrúe mamilas en pacientes mastectomizadas, no seu estudo de Santiago. Segundo di, é un procedemento aínda algo descoñecido.
"Hai moitas mulleres que aínda non saben que se pode realizar esta técnica e lograr resultados bonitos, realistas cos que recuperar unha parte do corpo tan importante", afirma o enfermeiro e tatuador.
Explica que aplicando os pigmentos adecuados e cunha técnica correcta, a tatuaxe pode devolver a cor e a forma da mamila e ofrecer un resultado visualmente tridimensional, pero subliña que é un traballo que vai máis aló do meramente estético.
"É algo que vai máis a solucionar aspectos psicolóxicos, aspectos relacionados coa autoimaxe e coa autopercepción e que mellora a autoestima", asegura Rafa Garabal.
O enfermeiro e tatuador aclara que reconstruír o bico do peito, cando o fai un tatuador de forma privada, non está subvencionado e que de momento é un proceso que dentro da sanidade pública non foi debidamente implementado.
"Aínda non hai en Galicia, que eu saiba, unha unidade de micropigmentación específica dentro dos hospitais públicos galegos, a pesar que si hai un decreto que di que este procedemento debería estar incluído na carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde", puntualiza Rafa Garabal.
Logo dunha mastectomía e dunha reconstrución mamaria, para refacer as mamilas hai que esperar a que a pel estea ben curada. Rafa Garabal aconsella agardar polo menos un ano.