A Xunta achega 48 millóns para comprar medicamentos de última xeración para cancro de mama e ovario
Son tratamentos que combaten directamente as células tumorais e menos tóxicos que a quimioterapia
O Goberno galego tamén dedica 181.390 euros á atención de persoas con trastornos aditivos a través dun convenio con Érguete
Europa Press (Arquivo)
O Consello da Xunta autorizou por case 48 millóns de euros a compra de medicamentos de última xeración para loitar contra o cancro de mama e de ovario. Así o anunciou o presidente autonómico, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior á reunión semanal do seu Executivo.
Unha adquisición que se enmarca na súa aposta por estar "sempre á vangarda" nos tratamentos que se ofrecen nos hospitais públicos.
Anticorpos monoclonais para o cancro de mama
Por unha banda, autorizouse a compra, mediante acordo marco, de anticorpos monoclonais e conxugados para tratar o cancro de mama no conxunto de centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Todo iso, cun investimento de 35.927.636 euros.
Segundo destacou Rueda, este tipo de tratamentos supón "un grande avance respecto á quimioterapia" convencional, ao permitir unha administración que combate directamente as células tumorais e ao resultar "potencialmente menos tóxica" para as pacientes.
O contrato, cunha duración inicial dun ano e unha posible ampliación por 12 meses máis, distribúese en cinco lotes e inclúe a compra dos fármacos Trastuzumab emtansina, Trastuzumab deruxtecán, Pertuzumab e Sacituzumab govitecán.
Inhibidores da polimerasa para o cancro de ovario
O Consello da Xunta tamén autorizou a contratación, mediante acordo marco e por 11.774.480,61 euros, da subministración sucesiva de tres tipos de medicamentos inhibidores da polimerasa para pacientes con cancro de ovario ou de mama dos centros do Sergas.
Neste caso, dividirase en tres lotes, un por cada tipo de medicamento, e terá unha duración dun ano, con posibilidade de prórroga ata dous anos como máximo. Os fármacos Olaparib, Niraparib e Rucaparib están indicados para mulleres con cancro de ovario, e Olaparib, adicionalmente, tamén para o tratamento de cancro de mama con mutacións nos xenes BRCA 1 ou BRCA 2.
Atención integral a persoas con condutas aditivas
Doutra banda, o Consello da Xunta tamén autorizou o convenio de colaboración entre o Sergas e a Asociación Érguete para desenvolver un programa de atención xurídico social, encadrado nos programas de incorporación social a pacientes con trastornos aditivos.
Así, o Goberno autonómico destinará con este fin 181.390 euros, incrementando o seu orzamentos un 2% con respecto ao ano anterior.
Desta forma, manterase o servizo de información e orientación socio-xurídico para as persoas atendidas pola entidade sen ánimo de lucro.
A través deste acordo, préstase atención integral e gratuíta ás persoas no ámbito das condutas aditivas que poidan ter problemas legais. Tal e como sinalou a Xunta, ao amparo desta colaboración o ano pasado foron atendidas 840 persoas: 630 homes e 210 mulleres.
Con este convenio, o Goberno galego subliña que se mellorará a súa asistencia, outorgando cobertura de apoio e documental no ámbito xudicial. Este traballo inclúe tanto a usuarios coma a xuíces, fiscais, avogados e á propia institución penal de Pontevedra.