Detidas 44 persoas por narcotráfico entre o Campo de Xibraltar e Portugal
Os axentes tamén se incautaron de máis de 42.000 litros de carburante, de 30 embarcacións, de 4.800 quilos de haxix e de 110.000 euros en efectivo
A Axencia Tributaria e a Garda Civil detiveron 44 persoas e desarticularon varias organizacións dedicadas ao narcotráfico que operan no sur peninsular. O operativo realizouse durante a última semana en Alxeciras, Cádiz e Huelva especialmente entre o Campo de Xibraltar e o espazo fronteirizo con Portugal do río Guadiana.
O obxectivo desta operación era frear a entrada da droga a través das costas andaluzas. A operación estaba deseñada en catro partes ben diferenciadas, o que permitiu unha actuación "máis eficaz", informa a Axencia Tributaria nun comunicado.
A operación conxunta culminou coa detención de 44 persoas e a incautación de máis de 42.000 litros de carburante, 30 embarcacións, 4.800 quilos de haxix e 110.000 euros en efectivo.
Unha das actuacións centrouse na supervisión das embarcacións que incumprían a normativa náutica vixente e servían de apoio loxístico ao narcotráfico, especialmente para fornecer de carburante estas embarcacións rápidas. Estiveron centradas principalmente na baía de Cádiz, onde aprehenderon trece embarcacións, e dezaseis máis na costa de Huelva.
Na costa de Cádiz, nas praias de Los Barrios, Tarifa, Chiclana de la Frontera, Conil de la Frontera, Sanlúcar de Barrameda e Santi Petri foron detidas nove persoas e aprehendidas 937 garrafas de combustible.
En Punta Umbría, Isla Cristina, La Antilla e El Rompido (Huelva), hai seis detidos e 756 garrafas de combustible aprehendidas con máis de 42.000 litros de gasolina.

Transporte da droga en barcos pesqueiros
Os axentes tamén interceptaron dúas embarcacións pesqueiras utilizadas para o transporte de droga ata terra firme. A primeira actuación tivo lugar preto do porto pesqueiro de Isla Cristina (Huelva).
Os axentes lograron interceptar unha embarcación supostamente dedicada á pesca que gardaba no interior da adega 70 fardos de haxix e detiveron os cinco tripulantes do barco.
Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, en colaboración coa Garda Civil, logrou interceptar outra embarcación pesqueira que dispoñía dun complexo dobre fondo habilitado especificamente para ocultar substancias estupefacientes.
Con esta técnica tentaban dar aparencia de normalidade a navíos que simulaban dedicarse á pesca.
Tras unha minuciosa revisión, os axentes descubriron unha estrutura anómala no interior do barco, tratábase dun dobre fondo que tentaba ser disimulado como parte do casco. Unha vez desmontado, foron localizados no seu interior 52 fardos de haxix, Os seus catro tripulantes foron detidos.

Desarticulación de puntos de venda polo miúdo
Parte da droga que chega a entrar ao país por estas vías utilízase para a venda polo miúdo, o que evitando a almacenaxe de grandes cantidades da substancia, distribuída en varios puntos de venda.
Este tipo de actividade xera grande alarma social ao verse incrementada notablemente a presenza de persoas adictas nas inmediacións dos domicilios, indica o comunicado.
Neste sentido levaron a cabo dúas novas actuacións contra o tráfico de drogas, ambas na localidade de Isla Cristina (Huelva), contra a venda polo miúdo.

Telecoca, entregas a domicilio
Ademais da venda polo miúdo, nos domicilios dispoñían do servizo coñecido como telecoca, realizaban entregas a domicilio tras recibir encargas por teléfono ou mediante mensaxe. Para efectuar a entrega utilizaban diferentes medios de transporte como vehículos, motocicletas e mesmo patinetes eléctricos, desta maneira multiplicaban as súas vendas a toda a localidade e arredores.
Nunha primeira intervención levaron a cabo sete rexistros, quince persoas foron detidas, dúas delas menores de idade e incautáronse de máis de 70.000 euros en efectivo e mais de varias doses dispostas para a súa venda. Noutra realizáronse seis rexistros, con cinco detidos e con case 45.000 euros en efectivo e máis de 15 quilos de haxix aprehendidos.
Esta fase do operativo, tamén inclúe a desarticulación dun punto de venda de drogas de substancias estupefacientes xunto a varios centros educativos da localidade, que exercía a súa actividade nas horas de entrada e saída e do recreo escolar.
