Investigan un home que circulaba por Becerreá con medicamentos prohibidos de uso sexual
O home, de 55 anos e nacionalidade colombiana, está acusado dun delito contra a saúde pública

A Garda Civil investiga un home, de 55 anos e nacionalidade colombiana, como suposto autor dun delito contra a saúde pública por introducir en Galicia medicamentos prohibidos de uso sexual desde o seu país de orixe.
O home, veciño de Lugo, foi interceptado na localidade de Becerreá polos axentes cando tratou de evitar unha patrulla. Ao decatarse dese movemento, os funcionarios déronlle o alto e comprobaron que no maleteiro do seu coche levaba diversas substancias e medicamentos para os que se necesita receita médica, sendo a maioría deles de uso sexual.
Ademais, atoparon 1.000 euros en efectivo fraccionados en billetes de 50, polo que a investigación apunta a que o home está relacionado coa venda destes medicamentos sen ningún tipo de control legal nin médico.
As substancias foron fabricadas en Colombia e introducidas en España sen pasar ningún tipo de calidade e sen ser declaradas polo home ao traelas a territorio nacional.
Entre as pastillas comisadas había pedra chinesa, un produto utilizado como estimulante sexual, vendida no mercado negro, con numerosos efectos secundarios; néctar do amor, un presunto potenciador sexual masculino retirado do mercado o pasado mes de xuño pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), e X-Bull, un medicamento prohibido en Colombia e non comercializado en España.
Tamén se acharon substancias sen etiquetar, descoñecendo polo momento se se trata de estupefacientes ata a súa análise.