Rueda celebra a "histórica" chegada do peregrino 500.000 e destaca a internacionalización do Camiño
Galicia supera no mes de outubro esta cifra por primeira vez na súa historia e, segundo destacou o titular do Goberno galego, esta marca supón un incremento de preto do 6 % respecto ao mesmo período do ano pasado
O fito recae nun pai e nun fillo procedentes de Colombia, que realizaban o Camiño en memoria do falecemento da esposa e nai
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou que a chegada do peregrino número 500.000, acontecida esta fin de semana, marca un fito histórico para Galicia e para o Camiño de Santiago, que confirma o seu crecemento e consolidación como gran motor turístico, cultural e espiritual da Comunidade. O fito recae nun pai e nun fillo procedentes de Colombia, que realizaban o Camiño en memoria do falecemento da esposa e nai.
"Nicolás soubo do meu propósito de vir só e ofreceuse a acompañarme. Agora el é quen me coida fisicamente e ela espiritualmente", relatou Jairo Forero Chaves, o peregrino 500.000 de 2025.
Galicia supera no mes de outubro esta cifra por primeira vez na súa historia e, segundo destacou o titular do Goberno galego, esta marca supón un incremento de preto do 6 % respecto ao mesmo período do ano pasado. Neste sentido, o titular do Executivo galego recalcou que "o importante non é o número, senón a calidade de cada peregrinación".
"O que queremos é que os que veñan teñan a experiencia de Jairo e Nicolás. Teñen a idea de repetir, van a prolongar a súa estadía, ir a outros puntos do país, e o importante non é só o número, é tamén a calidade", declarou Alfonso Rueda, o Presidente da Xunta.
Más da metade dos peregrinos son de orixe internacional, o que reforza o carácter global e universal do Camiño, que cada ano atrae visitantes de máis de 180 países diferentes. Entre eles, o mercado estadounidense continúa a ser o máis numeroso por terceiro ano consecutivo, con máis de 40.000 peregrinos, seguido de Italia, Portugal, o Reino Unido, México, Francia ou o Canadá.
O xefe do Executivo autonómico tamén subliñou que o Camiño é "unha experiencia única e unha maneira fantástica de coñecer Galicia e aos galegos", ademais dun exemplo de desestacionalización, con cada vez máis peregrinos nos meses de invernos e primavera, o que demostra que Galicia é quen de ofrecer experiencias de calidade durante todo o ano.
Indicou ademais que cada peregrino xera un gasto equivalente ao de tres turistas nacionais e representa preto do 17 % das noites totais da Comunidade, contribuíndo así ao desenvolvemento local, á cohesión social e á preservación do patrimonio natural e cultural. O presidente concluíu sinalando que a Xunta traballa xa nos preparativos do Xacobeo 2027, no que a colaboración público-privada será esencial.