A chuvia instálase en Galicia, onde as temperaturas rozarán os vinte graos
Toca rescatar paraugas e chuvasqueiros
As precipitacións serán unha constante para os próximos días
Toca desempoar os chuvasqueiros e rescatar os paraugas, porque a chuvia chegou a Galicia e a algúns pillounos por sorpresa...
"Saín da casa facer un recado e de súpeto ponse a chover".
E semella que vai seguir chovendo toda a semana.
"Falta fai, que necesitamos auga".
"As frontes que se presentan esta semana veñen alimentadas dun ingrediente extra, trátase dos ríos atmosféricos, unha masa de vapor de auga que chega desde o trópico e que provoca que as frontes deixen máis auga do habitual. A primeira, nas próximas horas, que vai provocar que se activen avisos na costa da Coruña e en toda a provincia de Pontevedra", explica Diego Viaño, do Tempo.
Será un aviso amarelo que permanecerá activo ata as dez da mañá deste martes, con acumulados de 40 litros por metro cadrado en doce horas. Porén, en xeral, as precipitacións serán unha constante para os próximos días.
"O día máis complicado da semana pode que sexa o xoves xa que se presenta unha fronte moi activa que, fundamentalmente, durante a madrugada vai descargar con moita intensidade en zonas da Coruña e tamén de Pontevedra", engade Viaño.
En canto ás temperaturas, esta semana serán homoxéneas en toda a xeografía galega, rozarán os 18-20 graos.
"Frío non vai polo momento...". "Eu puxen esta cazadora e xa me sobra".
E así, pouco a pouco, adentrámonos no clásico outono galego, que xa está a deixar paso a varias xornadas pasadas por auga.