As choivas torrencias deixan 600 vítimas mortais en Sri Lanka, Tailandia e Indonesia
Indonesia é o país máis afectado con máis de 300 persoas falecidas e varias comunidades illadas
En Tailandia hai oito provincias mergulladas e buscan xente atrapada baixo a auga
Sri Lanka decretou o estado de emerxencia tras o paso da tormenta ciclónica Ditwah
Os asolagamentos e os corrementos de terra provocados polas intensas choivas que azoutan Indonesia, Tailandia e Sri Lanka deixan polo menos 597 vítimas mortais e centos de persoas desaparecidas.
A tormenta ciclónica Ditwah, situada 70 quilómetros ao noroeste de Trincomalee, na costa oriental, desprázase cara ao norte-noroeste e podería achegarse este domingo á costa india de Tamil Nadu.
Especialistas locais coinciden en que o cambio climático está a intensificar a forza dos sistemas tropicais e alterando os patróns de choiva en Asia, o que incrementa a exposición da rexión a inundacións repentinas e desastres xeolóxicos.
Indonesia: o país máis afectado
O temporal, un dos máis destrutivos dos últimos anos no sueste asiático, está a ser especialmente intenso en Indonesia onde faleceron máis de 300 persoas nas provincias de Sumatra do Norte, Aceh e Sumatra Occidental.
Os servizos de emerxencia buscan sobreviventes nas zonas que quedaron baixo a auga pero os labores de rescate son complicados por mor do colapso das principais vías de comunicación.
Os derrubamentos destruíron pontes, arrasaron vivendas e bloquearon estradas que conectan as áreas rurais, o que dificulta a chegada de maquinaria.
Operación de rescate en Sumatra do Norte. REUTERS/Agatha Capri
Tailandia: oito provincias mergulladas
As inundacións no sur de Tailandia deixaron polo menos 162 persoas falecidas, coa provincia de Songkhla como epicentro do desastre, mentres a auga cobre extensas áreas.
Máis do 80% da subministración eléctrica foi restablecida e as autoridades traballan na drenaxe de zonas asolagadas, a retirada de entullos e o traslado de vehículos danados.
Os equipos de rescate manteñen as operacións de procura en áreas onde se teme que haxa aínda persoas atrapadas.
Unha rúa asolagada en Wellampitiya (Sri Lanka). REUTERS/Thilina Kaluthotage
Sri Lanka: estado de emerxencia
Sri Lanka decretou este sábado o estado de emerxencia pública tras as choivas torrenciais que golpearon os 25 distritos do país, deixando 132 persoas falecidas, 176 desaparecidas e unhas 650.000 afectadas.
Más de 78.000 persoas foron evacuadas aos 716 centros de seguridade habilitados, mentres continúan os labores de rescate en zonas asolagadas ou afectadas por corrementos de terra.
Estradas, vivendas e áreas agrícolas quedaron baixa a auga, e as autoridades instaron a evacuar as poboacións que viven preto das ribeiras dos ríos ou en ladeiras inestables.
Un funcionario do sector turístico asegurou a EFE que non hai turistas estranxeiros feridos, aínda que moitos permanecen varados en zonas con atraccións pechadas en plena tempada alta.