Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan se o incendio dun coche aparcado nunha rúa de Oural, en Sarria, foi intencionado

Investigan se o incendio dun coche aparcado nunha rúa de Oural, en Sarria, foi intencionado

Segundo a súa dona, que vive xusto en fronte a onde estaba estacionado o vehículo, prendeulle lume a exparella da súa sobriña

O coche estaba valorado nuns 2.000 euros
Félix Aragunde 20/10/2025 13:22

Un incendio calcinou por completo un coche aparcado nunha rúa de Oural, en Sarria. Segundo a súa dona, que vive xusto en fronte a onde estaba estacionado o vehículo, prendeulle lume a exparella da súa sobriña.

"Botoulle gasolina na parte de diante, para que ardese, e rapidamente saíu da miña rúa. Ademais, a miña veciña viu un coche negro aparcado con outro home vixiando", relata Mariluz Muñoz, dona do coche incendiado. 

Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Sarria, que evitaron que as lapas se propagasen a unha vivenda deshabitada que si se viu afectada polo fume. Pola súa parte, a propietaria do turismo incendiado temeu que o lume chegase tamén á súa casa.

"Asusteime moito, porque iso comezou a arder coas chamas moi altas, tanto que pensaba que ían entrar no meu cuarto. Sentín moito medo e deume un ataque de ansiedade", sinala a propietaria do turismo. 

"Ao chegar vimos que había un incendio completamente desenvolvido no vehículo, que estaba practicamente calcinado. Procedemos a apagalo, pero como estaba pegado a unha vivenda, romperon os cristais dunha ventá, derreteu a persiana e encheuse a casa de fume. Entrouse na vivenda, ventilouse e comprobouse coa cámara térmica que non quedasen puntos quentes", explica José Manuel López, sarxento dos bombeiros de Sarria. 

Unha vez presentada a correspondente denuncia, a Garda Civil está a investigar o caso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade