Dez persoas emprenden o Camiño de Santiago polo mar e a nado
A súa aventura, que comezou no Grove, busca recadar fondos para nenos e nenas hospitalizados
Son trece: dez nadadores e tres persoas de apoio. Case todos residen en Sevilla e pertencen ao Club Natación Sevilla. Están en Galicia para facer o Camiño de Santiago por mar, nadando. Este sábado realizaron a primeira etapa, O Grove-Cambados, de máis de catro quilómetros.
"O que imos facer é nadar desde O Grove toda a ría de Arousa, pasando pola Toxa, pasando por Cambados, remontar o río Ulla e chegar a Pontecesures. Son arredor de 35 quilómetros a nado. Logo desde Padrón camiñaremos a última etapa ata Santiago para visitar a catedral", explica Ignacio Pérez Domínguez, un dos integrantes da expedición.
Cada quilómetro a nado equivale a uns catro andando polo que superarán os cen quilómetros que impón a Compostela.
"Levamos preparando isto un ano e medio. É verdade que somos todos nadadores de augas abertas, co que estamos afeitos a pasar moito tempo na auga. Neste ano e medio adestramos catro ou cinco días á semana en piscina e fomos case todas as fins de semana a nadar ao mar", conta Atenea Campos Llamas, unha das nadadores do equipo.
O reto transcende do deportivo. O grupo nada cun fin solidario: recadar cartos para a asociación andaluza Mar Pozo, por la sonrisa de un niño, que dedicará as doazóns a que os pequenos con cancro ou con enfermidades raras do hospital Virgen del Rocío de Sevilla teñan unha estadía máis doada no centro.
"O que se pretende é habilitar as salas de radioterapia e de quimioterapia con paneis lúdicos interactivos para que estes rapaciños estean distraídos mentres reciben os tratamentos e sacarlles un sorriso", precisa Carlos Alberto Pazos Amoedo, outro dos deportistas.
Quen queira facer unha achega á causa só ten que ir, en Facebook ou en Instagram, á páxina nadandoasantiago2025 e atopará o número de conta para converter os quilómetros nadados en quilómetros solidarios.
"Son dous euros por quilómetro e a xente pode meter o diñeiro que crea conveniente, cinco quilómetros, un quilómetro, o que sexa", aclara o nadador José María Bonal Muñiz.
O grupo propoñíase xuntar dous euros por cada un dos 600 quilómetros que van facer entre todos, é dicir 1.200€, e xa recibiron o dobre. O proceso de doazóns seguirá aberto ata o remate da súa aventura, previsto para a fin de semana que vén.