Recuperan en Outes un sancosmeiro, unha embarcación tradicional perdida
O obxectivo é ampliar o patrimonio do Museo Ciprián de cultura mariñeira
Quince persoas asisten cada sábado ás clases de carpintería de ribeira no museo Ciprián, onde estivo un dos moitos estaleiros de ribeira que funcionou no concello de Outes no século XX.
"Outes é a cerna da carpintería de ribeira. A principios do século pasado aquí había 40 estaleiros coma este, nesta propia enseada había 12", comenta Xesús Mato Vilas, presidente da Asociación Terra de Outes.
O curso consiste na construción dunha maqueta a escala do sancosmeiro que se está a montar neste mesmo lugar. É unha embarcación de madeira construída por profesionais nos Estaleiros Catoira de Rianxo, que recuperaron un barco tradicional que se perdera.
"Ensinando as técnicas da carpintería de ribeira e ao mesmo tempo construíndo a réplica que vai quedar a medio rematar para que visualmente facilite a comprensión de como se fan as embarcacións e os detalles que teñen, que terá logo un uso divulgativo e expositivo", afirma Santiago Cancelas, carpinteiro de ribeira.
"O curso percorre todas as fases da construción do barco, facemos unha maqueta a escala 1:3 do sancosmeiro, que ten 8 metros e pico, pois facemos como 2,70 de eslora do barco", engade Xesús Mato Vilas, presidente da Asociación Terra de Outes.
A maqueta da embarcación tamén vai formar parte do museo e o seu tamaño manexable permitirá transportala con fins didácticos e divulgativos.
"Traballo no mundo do turismo, son guía oficial e gústame o patrimonio. A carpintería de ribeira aínda que está un pouco esquecida, a xente de Outes viviu disto e para poder explicalo que mellor que coñecer o traballo real", di Miriam Avilés .
"O oficio de carpinteiro de ribeira é un oficio de calidade, traballa con material nobre, a formación que se fai ten que ser longa, non se aprende en dous días, e iso dá calidade ao traballador. O material é agradable para o traballador, non ten nada que ver con outros moito máis agresivos e é agradable tamén para o medio ambiente", afirma Santiago Cancelas., carpinteiro de ribeira.
A Asociación Terra de Outes ten xa cinco embarcacións asociadas ao museo de carpintería de ribeira. É un xeito de conservar o saber facer e o patrimonio vivo.