Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os Amigos da Dorna Meca preparan as embarcacións para comezar a tempada de regatas

Os Amigos da Dorna Meca preparan as embarcacións para comezar a tempada de regatas

A asociación creouse hai máis de trinta anos para recuperar as dornas, tradición e patrimonio mariñeiro do Grove

A Meca, unha dorna xeiteira que hoxe compite en regatas
G24.gal 19/05/2026 14:16

Cando naceu a Asociación de Amigos da Dorna Meca, nos anos 90, pouco quedaba xa daquel xeito tradicional de ir ao mar e daquelas embarcacións que querían protexer. "Daquela desapareceran as dornas que saian ao mar á vela, sobre todo as pequenas" lembra o presidente da asociación, José Manuel Triñanes.

Conta que, ata que chegaron os motores fóra borda, os mariñeiros "ían coas veliñas pequenas e aproveitaban o vento para vir para terra", e que todo iso "foi morrendo". Pero chegaron a tempo e, aos poucos, conseguiron recuperar unha forta que hoxe ten xa case vinte embarcacións. Cada primavera toca repasalas para volver botalas ao mar. 

"Invernan dentro e despois, cando empeza a tempada, hai que darlles un mantemento", explica Emilio Galiñanes, membro da asociación. "Ao ser madeira levan chapapote, un pouco de brea, lixalas, darlles patente e para o mar", resume. 

E no mar, as dornas falan do que foi a actividade mariñeira no pobo. As pequenas pescaban dentro da ría; as de tope, barrigudas, eran para as nasas; e as máis grandes, as xeiteiras, que din que chegaban a vela a Muros ou a Vigo, e que xa desapareceran no Grove. Tiveron que reconstruílas buscando pistas para facelo. 

"Non había planos nin nada", lembra José Garrido, carpinteiro de ribeira. "O que fixemos foi un pequeno estudo, buscando fotos antigas, falando con mariñeiros que navegaran nesas dornas e con algún carpinteiro de ribeira que quedaba, que fixera algunha". Do seu asteleiro saíron a Irmandiña e a Meca, dúas dornas xeiteiras construídas ao xeito do Grove. 

"As dornas mecas teñen tapas de regala, que son esas pezas que van por riba cubrindo a dorna, e teñen proas máis lanzadas e popas máis anchas", di Garrido. "Con esa proa cortan mellor a auga, navegan mellor -explica Triñanes-, facíanse así porque antes tamén había regatas: quen chegaba antes a terra, vendía antes".

Agora fan regatas deportivas. Compiten todo o verán, pero a axenda da asociación tamén inclúe cursos para ir formando novos afeccionados nas técnicas de navegación tradicional. "Hai que saber ventos, subida de velas, as correntes, etc, así que facemos cursos tanto de vela como de remo", di Gonzalo Bea, membro da asociación. 

Queren que as dornas sigan no mar, e non convertidas en pezas de museo. Levan cousa de trinta anos traballando para iso, e agora o reto está en facer canteira:

"É un reto de todas as asociacións, captar xente nova. E nós estaremos aí para ensinarlles" di Triñanes. "Se non é polas asociacións de todas as rías, isto déixase de ver polos pobos mariñeiros. Estas dorniñas levantaron pobos, así que hai que ter un respeto ao patrimonio", conclúe.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade