Sospeitan que o incendio dunha embarcación no porto de Camariñas puido ser provocado
A embarcación, valorada en máis de 60.000 euros, quedou practicamente calcinada
A Garda Civil abriu unha investigación
Imaxe cedida polos Bombeiros da Costa da Morte
Un lancha ardeu case por completo esta madrugada no porto de Camariñas sen que resultasen afectada ningunha persoa.
Foi un particular o que avisou, sobre as 3:40 horas, ao 112 Galicia de que había unha lancha ardendo no porto e que da embarcación saía unha importante fumareda.
Para actuar ante este incendio, o 112 solicitou a intervención de Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, os Bombeiros de Cee, Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Camariñas.
Os bombeiros traballaron para atallar as lapas e, unha vez finalizado o operativo, confirmaron que a embarcación ardeu case por completo pero a zona do motor non se viu afectada.
A Garda Civil abriu unha investigación antes as sospeitas de que o lume puido ser intencionado. Nos últimos anos, varias embarcacións sufriron accións deste tipo no porto de Camariñas.
A embarcación está valorada en máis de 60.000 euros.
Imaxe cedida polos Bombeiros da Costa da Morte