O arquitecto da restauración do Hostal defende os tubos nas gárgolas: “É a solución máis eficaz”
Considera que as alternativas que se barallan danarían a fachada renacentista
O arquitecto Fernando Cobos, responsable da execución da obra de intervención no Hostal dous Reis Católicos, defendeu este martes en Santiago de Compostela o "rigor" técnico dos traballos realizados no edificio, asegurando que a polémica instalación de tubos metálicos nas gárgolas é a solución "máis eficaz".
A polémica sobre as tubaxes instaladas leva semanas nos medios. Unha polémica na que o responsable da restauración, non quixo entrar ata agora. Deu por primeira vez a súa opinión nunha conferencia no Colexio de Arquitectos de Galicia. Dixo que é froito dun plan feito por expertos e con todo rigor técnico para protexer a fachada da evacuación das augas pluviais.
"A mellor intervención en patrimonio é a menos mala e a que menos dano fai", asegurou. Considera inaceptable e pouco seria a proposta alternativa de ocultar as baixantes no muro porque eso obrigaría a abrir o edificio histórico por dezaseis sitios .
Destaca que a solución que se fixo é reversible e recoñece que ante a polémica se están estudiando alternativas. Pero é tallante: "todas bastante malas", afirmou entre risas. E dixo que a cuestión é que prezo se está disposto a pagar para cambiar a solución.
"Danar un monumento só para que o dano te dea a razón é pouco ético", sentenciou. E citou a Eugenio D´Ors para apoiar o seu argumento: "os experimentos hai que facelos con gaseosa, non coa fachada renacentista do edificio".
E sobre as dúbidas históricas explicou que a proposta inicial de colocar canos metálicos nas gárgolas xa a fixo Rodrigo Gil de Hontañón en 1561. E que hai evidencias físicas da súa presenza entre os séculos XVII e XIX.