As San Lucas de Mondoñedo enxalzan o labor dos gandeiros e o gando cabalar no seu día grande
Hai 869 anos xa que Mondoñedo celebra as San Lucas
San Lucas é protector de oídos, nariz e da gorxa
Durante catro días Mondoñedo enxalza os gandeiros e o gando cabalar. Hai 869 anos xa que Mondoñedo celebra as San Lucas, unhas feiras e festas centradas no gando cabalar coas que se enxalza o labor dos gandeiros desta zona da Mariña e o manexo que fan dos animais que se crían ceibos no monte.
É unha feira principalmente equina. No campo da feira xúntanse varios centos de cabalos e, tamén milleiros de persoas que acoden para velos.
Para os gandeiros, as San Lucas é un xeito de enxalzar o seu traballo e a cabana cabalar da zona, principalmente criada ceiba nos montes da Mariña.
A feira consegue que cada edición pasen milleiros de persoas polo recinto que hai destinado ao gando. Moitos só queren "mirar", segundo nos comentan, pero tamén hai que chega cunha intención firme de compra, sobre todo de cabalos, os máis deles criados ceibos no monte durante todo o ano, animais característicos desta zona que destacan pola súa rusticidade e dureza.
Pero nos catro días de feira tampouco faltan verbenas, charangas, xogos tradicionais e concertos todos os días, e sen esquecernos da mostra de produtos agroalimentarios e de maquinaria agrícola.
O acto central das San Lucas é a feira cabalar, cunha asistencia masiva de público. O concurso de gando no recinto feiral complétase cun concurso de andaina galega, un concurso canino e distintas exhibicións de cans.
San Lucas é protector de oídos, nariz e da gorxa
Hoxe, día de san Lucas, outras vilas celebran romarías na súa honra para protexer oídos, nariz e gorxa. Na parroquia de San Xulián de Mato non hai cabalos, pero teñen até dúas tallas, a orixinal e outra máis contemporánea da imaxe para pasala pola cara dos fieis. Despois da procesión, chega o momento do xantar.