Máis de 20 detidos nun operativo contra o narcotráfico na provincia de Pontevedra
Segundo a Policía Nacional, céntrase en Vilagarcía e en Vilanova de Arousa
Realizáronse máis dunha decena de rexistros na provincia de Pontevedra
Axentes a Unidades de Droga e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional en coordinación co Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Garda Civil practicou máis dunha vintena de detencións nun novo operativo contra o narcotráfico no Salnés e diversos puntos da provincia de Pontevedra.
A operación, bautizada como Doner, tivo a súa fase de explotación na madrugada deste martes con máis dunha decena de rexistros, algún deles en Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, como nunha casa situada no Terrón.
Segundo informou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, durante os rexistros os efectivos actuantes incautáronse dalgunha arma, diferentes cantidades de substancias estupefacientes e diñeiro en efectivo.
Pola súa banda, Losada felicitou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que "continúan golpeando duro" ás redes do narcotráfico e a delincuencia organizada. "Co seu valioso traballo contribúen a que esta provincia manteña os seus altísimos estándares de seguridade", remarcou Abel Losada.
Este dispositivo policial prodúcese case un mes despois da operación Saona, que se desenvolveu nas comarcas do Salnés e do Barbanza e deixou 11 detidos pola súa vinculación no alixo de máis de 3.500 quilos de cocaína incautados na Pobra do Caramiñal.
Por aquel entón, na cara sur da ría de Arousa producíronse varios rexistros e detencións no municipio pontevedrés de Cambados.