En modo 'Tokyo Race' polo centro de Poio
Denuncian e gravan derrapaxes, viraxes e arrancadas bruscas nun circuíto de rotondas
A policía ten identificada algunha matrícula e pide colaboración da veciñanza para localizar os responsables
Quecen motores, e a correr. Arranca o circuíto de rotondas por Poio.
"Van amodiño e cando chegan un pouco máis adiante, aceleran "a corte", denuncia unha veciña.
"Cítanse condutores con vehículos de certa cilindrada para facer derrapaxes nas rotondas e collen unha, dúas, tres e catro rotondas con condución temeraria", confirma Santiago Alfonsín, policía local de Poio.
Arrancadas bruscas, coches que compiten en paralelo, viraxes e derrapes. Os veciños están preocupados polo risco que supón.
"A partir do venres, na avenida Andurique é un caos de 'niñatos' cos coches facendo o kamikaze", engade a muller.
Un perigo incluso para os propios participantes. Esta última fin de semana bateron dous.
"Entraron na rotonda en diferentes sentidos e colidiron de fronte", explica Alfonsín.
Pero tamén fartos do ruído, e mesmo das ameazas cando lles chaman a atención.
"Viña un camión e case o levan por diante. Hai peóns, animais, colonias de gatos, .... e se lles dis algo, aínda se revolven", lamenta a muller.
Curioso, pero o mal tempo é un aliciente porque, co asfalto mollado, a derrapaxe resoa mellor. É parte do que buscan.
"Modifican as condicións técnicas dos vehículos para ter máis ruído e modifican a centraliña para aumentar a cilindrada do motor", advirte a Policía Local.
Grazas á colaboración da veciñanza, a Policía Local ten identificada algunha matrícula. Non é de Poio, pero non vén de lonxe.