Comeza o ano xubilar en Pontevedra co gallo do centenario das aparicións a sor Lucía
Indulxencia plenaria no centenario das aparicións da Virxe e o Neno Xesús a sor Lucía
Terceiro destino de peregrinación mariana
Unha rúa de Pontevedra leva o seu nome porque está o convento das Doroteas, onde chegou como postulante sor Lucía, unha das 3 videntes de Fátima. Tiña 18 anos cando un 10 de decembro, pero do 1925, a Virxe volveu aparecer diante dela. Foi na súa cela, hoxe convertida en capela. Dous meses despois, outra visión. Esta vez do Neno Xesús, na horta do convento que hoxe é o Santuario das Aparicións, o terceiro destino de peregrinación mariana máis visitado do mundo. Co gallo deste centenario comeza o ano xubilar en Pontevedra
"Espero que sexa un antes e un despois porque non é coñecida para nada, nin sequera os mesmos propios de Pontevedra sabemos o que temos aquí", apunta Cintia Borje López, voluntaria
Por diante queda un ano en que aqueles peregrinos que visiten A Casa do Inmaculado Corazón de María, reciban as grazas outorgadas polo papa León XIV.
"Cada que ves a un santuario onde a Santa Sé concede unha indulxencia plenaria pois vas renovada, vas perdonada", confesa unha peregrina
Este mércores foi o primeiro día e foron moitos os peregrinos que se achegaron ata este santuario.
"Viñemos pois onde a Vixe se lle apareceu a Lucía por segunda vez"
"Gañar o xubileo aquí en Pontevedra foi especial e ademais moi bonito", contan varios devotos
"Hoxe mesmo, na celebración que acabamos de ter hai un ratiño, estaban presentes grupos de Portugal por suposto, un grupo de Corea, grupos de África, grupos do Brasil. Xa da unha idea da universalidade. É certo que devoción de Fátima está moi estendida pero veñen precisamente a este recuncho fermoso, aberto e acolledor que é Pontevedra onde a Virxe tamén quere ter a súa casa", explica Francisco José Prieto Fernández, Arcebispo de Santiago