Publicador de contidos

Publicador de contidos

Puchos, hidratación e sombra no Camiño de Santiago para sobrelevar a ruta

Puchos, hidratación e sombra no Camiño de Santiago para sobrelevar a ruta

Aproveitar as zonas de sombra e evitar camiñar nas horas centrais do día é o recurso máis utilizado para combater a calor

Crema solar, hidratación e roupa adecuada completan as receitas dos camiñantes para completar a ruta sen sorpresas

G24.gal 05/07/2026 14:26 Última actualización 05/07/2026 14:50

En plena vaga de calor o Camiño de Santiago convertíase este domingo na xornada dos puchos, da sombra e da hidratación.

Con 37 graos de temperatura previstos na capital, a ruta volvíase un pouco máis custa arriba que de costume, e cada quen loitaba coa calor aplicando as súas respectivas receitas.

"Tentamos saír moi pronto pola mañá, sobre as seis da mañá e tentamos chegar ás doce, co cal evitamos bastante a calor. Algunha etapa que chegamos ás dúas si que foi moi dura pero hai que evitar o sol, porque machúcate moito", comenta unha camiñante procedente de Barcelona.

Con moitos camiñantes procedentes do sur e do interior da península, a desfeita da calor notábanse menos, aínda que a carga e o paso dos quilómetros ían deixando pegada no ánimo dalgúns.

"A experiencia foi boa en tódolos aspectos. O único que esperaba era algo menos de calor", relata un peregrino de Almería.

Comezar a andar a horas temperás, aproveitar as sombras, e evitar as horas centrais do día para camiñar son algunhas das recomendacións que seguen os peregrinos.

Por suposto, beber líquidos resulta indispensable, sen esquecer a imprescindible crema solar. E todo por desfrutar da ruta sen sorpresas desagradables.

"Temos intención co grupo de írmonos á misa de peregrinos e vivir un pouco o que é chegar a Santiago de Compostela, co cal, contentos", conta unha das camiñantes que desfruta da experiencia por primeira vez.

Mais coma sempre acontece cando xa se deixa entrever a praza do Obradoiro, as penurias da ruta esquécense ao chegar a Santiago de Compostela. Reto cumprido.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade