Publicador de contidos

Publicador de contidos

León XIV chama a "non desprezar o irmán" nunha misa multitudinaria

León XIV chama a "non desprezar o irmán" nunha misa multitudinaria

Máis dun millón de persoas achegáronse a Cibeles para participar na cerimonia oficiada polo pontífice

Pola tarde, mantén un encontro co mundo da cultura, a arte, a economía e o deporte no Madrid Arena

León XIV no seu percorrido cara á Cibeles. REUTERS/Mohammed Salem.
G24.gal 07/06/2026 08:21 Última actualización 07/06/2026 20:30

O papa León XIV congregou este domingo en Madrid máis de 1 200 000 persoas no que foi ata o de agora o acto máis multitudinario da súa visita a España.

Na misa que oficiou na praza de Cibeles pola festividade do Corpus Christi, exhortou a comunidade católica a "non desprezar o irmán" e a saír do "egoísmo, a indiferenza e dunha fe cómoda e privada" para comprometerse "co ben común".

"Que a relixiosidade que desde hai séculos anima este país non sexa un museo do pasado que visitar senón unha escola de fe da que beber tamén hoxe (...) Nós estamos chamados a estar presentes nas situacións e nos desafíos da sociedade, a non fuxir, a comprometernos persoalmente na construción do ben común", exclamou durante a homilía.

As persoas máis débiles volveron ser o eixo condutor da mensaxe do pontífice, que quixo homenaxear a tradición relixiosa de España, coas súas "solemnes procesións".

O pontífice durante a homilía O pontífice durante a homilía

Procesión pola rúa Alcalá

León XIV chegou á céntrica praza madrileña tras un percorrido en papamóbil dende a rúa Serrano, parando para saudar ou bendicir cando o considerou necesario. Á cerimonia asistiron o rei Filipe VI, a raíña Letizia, a princesa de Asturias e a infanta Sofía. 

Despois da misa, o pontífice presidiu a procesión do Corpus Christi baixo palio, deixando unha imaxe inédita da rúa Alcalá, tapizada con máis de 30.000 caraveis. A Asociación de Alfombristas de Ponteareas coordinou os traballos de confección.

Para garantir a seguridade, despregouse un amplo dispositivo policial, con axentes de elite nas terrazas de edificios lindeiros como a Casa de América, o Banco de España ou o propio Pazo de Cibeles.

A procesión percorreu a rúa Alcalá. REUTERS/Mohammed Salem A procesión percorreu a rúa Alcalá. REUTERS/Mohammed Salem

Baño de multitudes

A calor deste domingo non foi impedimento para que centos de miles de persoas saíran ás rúas de madrugada e agardaran horas para poder ver pasar o papa.

A xente que quedou fóra da Cibeles tivo que se conformar con seguir a misa dende as pantallas xigantes instaladas e comungar nalgunha das parroquias da zona.

Aproveitando a súa presenza nesta contorna, recibiu de mans do alcalde, José Luis Martínez Almeida, a Chave de Ouro da cidade e asinou no libro de honra na sede do Concello.

León XIV deixou escrito o seu desexo de que "Madrid siga sendo unha cidade acolledora e integradora, onde a vida en sociedade se inspire nos antigos valores humanos".

Xente na contorna da praza de Cibeles. REUTERS/Alejandro Martinez Velez Xente na contorna da praza de Cibeles. REUTERS/Alejandro Martinez Velez

"Tecer redes"

Xa pola parte, León XIV mantén un encontro co mundo da cultura, a arte, a economía e o deporte para "tecer redes" e reforzar o diálogo entre a Igrexa e a sociedade contemporánea.

Os xornalistas Carlos Franganillo e Lara Síscar encárganse de conducir o acto, no que participan Antonio Banderas, Sara Baras, Rozalén, Carolina Marín ou Teresa Perales.

Tamén están os máximos representantes da UXT, CC OO, a CEOE e Cepyme, ademais de profesionais da comunidade educativa e científica. Comezou pasadas as 18:00 horas no Movistar Arena.

A organización instalou pantallas xigantes na contorna para seguir a misa A organización instalou pantallas xigantes na contorna para seguir a misa

Encontro privado

Dentro da súa axenda privada, o pontífice reuniuse na Nunciatura Apostólica con membros da orde de Santo Agostiño, á que pertence e da que foi prior xeral dous mandatos consecutivos, entre 2001 e 2013.

Durante ese período, León XIV estivo en España en numerosas ocasións para coñecer de primeira man a comunidade desta orde relixiosa no noso país.

Imaxe da Cibeles durante a celebración. REUTERS/Violeta Santos Moura. Imaxe da Cibeles durante a celebración. REUTERS/Violeta Santos Moura.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade