Publicador de contidos

Publicador de contidos

Domingo de peregrinación á Virxe dos Milagres de Baños de Molgas

Domingo de peregrinación á Virxe dos Milagres de Baños de Molgas

É unha vía de peregrinación para moitos romeiros que queren facer ofrendas e participar nos actos relixiosos

A Novena comezou o domingo pasado e remata o martes, o día grande

G24.gal 06/09/2026 21:08 Última actualización 06/09/2026 21:29

Os fieis da Virxe dos Milagres levan desde o domingo pasado peregrinando cara ao santuario de Baños de Molgas para pedir saúde, traballo e coidados para os máis necesitados. Durante esta xornada sucedéronse as misas e o rezo do Rosario que antes do día grande, o martes. 

Desde primeiras horas da mañá o santuario acolleu os peregrinos que camiñaron con fe e devoción ata o Monte Medo, a 25 quilómetros de Ourense para asistir á misa dos Milagres e recibir a Eucaristía. 

"Todos os días temos as parroquias que están arredor deste santuario que veñen camiñando co Rosario da Aurora e despois os máis novos veñen andando especialmente na noite do venres ao sábado e na do domingo. Saen de Ourense, Verín, Xinzo para chegar pola mañá", explica Xosé Manuel Villar, reitor do Santuario dos Milagres.

"É para pedirlle á Virxe saúde e traballo para todos. Tamén para os que veñen desde outros sitios para aquí porque hai que darlles a todos traballo", di unha devota.

Á chegada, ademais de participar nos oficios relixiosos, os devotos xantaron ao pé do santuario antes de emprender o camiño de volta. 
As peregrinacións comezaron hai xa unha semana, con xornadas dedicadas aos anciáns e enfermos, á familia e á xuventude.

"A Virxe dos Milagres non é só desta contorna. Esténdese ata Portugal e a aqueles países a onde a emigración levou esta devoción. Sempre, antes de marchar aos seus traballos, os emigrantes veñen por aquí", asegura o reitor.

Este luns o Rosario de Fachos iluminará o santuario ás once da noite e o día grande chegará o martes, cunha misa solemne ao mediodía e coa procesión coa imaxe da Virxe. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade