Falece Xosé Manuel Orriols, presentador de varios programas da TVG
Tras completar a formación en xornalismo, entrou na TVG, onde traballou como correspondente e realizou programas como Galicia enteira, Galicia fin de semana, O mar e De escola a escola

O xornalista Xosé Manuel Orriols, unha das caras máis coñecidas da Televisión de Galicia e colaborador habitual en diversos medios de comunicación, faleceu este luns pola tarde aos 76 anos.
Natural de Neda e residente nesa vila, Orriols desenvolveu unha prolífica carreira no ámbito da comunicación. Formado en delineación industrial e enxeñería técnica, traballou na antiga Astano e posteriormente licenciouse en Xornalismo pola Universidade Complutense.
Estivo no desaparecido Ferrol Diario como colaborador, e tamén na axencia Europa Press. Na TVG, foi responsable de programas emblemáticos como Galicia enteira, Galicia fin de semana ou De escola a escola. Ademais do seu traballo na televisión autonómica, Orriols foi unha firma destacada na prensa e na radio. Foi responsable da sección de Motor en xornais como La Voz de Galicia e A Opinión da Coruña, tamén en COPE Ferrol e como colaborador da revista Crono Motor.
Nos últimos anos, mantiña unha colaboración semanal en Radio Voz cun programa dedicado á gastronomía, o turismo e a enoloxía. Tamén coa publicación mensual HUM de La Voz de Galicia. Os seus restos mortais atópanse no túmulo número 2 do Tanatorio Albia de Ferrol.