Publicador de contidos

A loxística, un sector en crecemento que demanda profesionais cualificados

A loxística, un sector en crecemento que demanda profesionais cualificados

A formación dual, unha fórmula de éxito para alumnado e empresas

20 de cada 100 ofertas de traballo en España son para a coordinación, o transporte e distribución de mercadorías

G24.gal 01/11/2021 15:02

O sector da loxística experimenta un crecemento desde fai anos que, coa pandemia sanitaria, acrecentouse. O cambio de hábitos de consumo foi drástico e evidenciou a necesidade de especialistas cualificados en loxística.

A formación dual nesta materia está sendo moi demandada e está conseguindo un alto volume de inserción laboral.

Coordinación, almacenaxe, inventario, transporte e, finalmente entrega ou devolución coa máxima eficiencia posible. O conxunto de procesos que engloba a loxística pode supor a volta ao mundo de calquera produto en cuestión de horas. Unha actividade que medrou exponencialmente nos últimos anos e que demanda profesionais.

Desde a empresa de Recambios Barreiro, o seu responsable de Recursos Humanos, Jorge Fernández, confírmao: "A día de hoxe hai falta de profesionais cualificados, porque están sendo moi demandados", explica.

O emprego neste sector medrou máis dun seis por cento só no último ano, e xa supón preto de 20 de cada 100 ofertas de traballo en España. Pero apenas existe unha formación específica de profesionais cualificados en loxística. 

No instituto coruñés de Zalaeta viron ese oco, esa oportunidade. Tiñan claro que a formación debía ser dual, parte na aula e parte nas empresas. A xefa de estudos do centro, Nuria Pérez, ten claro que se trata dun sector en constante transformación, de aí a importancia deste tipo de estudos, "que nos axudan a nós como profesoras a adaptarnos tamén aos cambios e a que a formación se faga en parte na propia empresa".

O ano pasado saíu a primeira promoción. Conseguiron, en pleno confinamento, a implicación do tecido empresarial da zona, que tamén participa na configuración do plan de estudos. Porque, de que debe saber un especialista en loxística?

"Un pouco de todo, comezando por saber moito de administración", di Fernández, porque "hai que mover moitos papeis".  Virginia, alumna desta segunda promoción, tamén apunta que "parece que só se trata dun transportista, pero hai moita xente detrás".

Lexislación, informática, tratamento de mercadorías... 15 alumnos formáronse o ano pasado aquí e fixeron prácticas remuneradas noutras tantas empresas. Foi todo un éxito.

A directora do centro, Estrella Pérez, corrobórao: "Conseguios unha inserción laboral de máis do 60 por cento".

Este segundo ano houbo máis de 60 solicitudes para as 15 prazas existentes no ciclo de Transporte e loxística deste instituto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos