Rueda enxalza a Cándido Hermida como exemplo do prestixio internacional da industria galega
Con proxectos en máis de 80 países a produción séguena facendo en Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca a contribución do Grupo Cándido Hermida á modernización e ao prestixio internacional da industria galega da madeira e o sector contract (que engloba mobles, iluminación e téxtiles).
O xefe do Goberno galego visitou este mércores a sede da empresa, en Narón, e enxalzou que é provedor de compañías e proxectos "moi esixentes" en todo o mundo.
A historia do Gupro Cándido Hermida comezou como obradoiro de carpintería a principios dos anos 80; unha historia que mudou cando Inditex lles encargou os primeiros mostradores. Agora teñen proxectos en máis de 80 países, e prevén estender a rede das sedes que xa teñen nos Estados Unidos, Francia e Qatar.
Con máis de 600 traballadores, a produción séguena facendo nas instalacións que teñen en Narón, onde deseñan o interiorismo para marcas de luxo internacionais de roupa, cruceiros, iates, hoteis e mesmo o Museo Nacional de Qatar.
"Con esforzo, compromiso e ilusión traballamos cada día para seguir medrando, innovando e creando valor", dixo durante a visita Cándido Hermida, fundador da empresa.
Alfonso Rueda remarcou tamén o apoio do grupo á formación das novas xeracións, ao ser unha das firmas que colaboran coa FP Dual. O presidente tamén apuntou que co obxectivo de impulsar o uso da madeira na construción a Xunta acaba de aprobar unha nova convocatoria de axudas dotada con 5 millóns de euros.