A forte ondada volve deixar a frota amarrada e nos mercados escasea o peixe
Aviso laranxa con ondas de entre cinco e oito metros de altura
Nova xornada con aviso no mar. Desta volta, laranxa, con ondas de entre cinco e oito metros de altura.
Así que, como medida de prevención, na Coruña, os parques, as praias e os accesos ao Paseo Marítimo van seguir cortados durante todo este mércores.
Ademais, os refachos de vento superarán os 100 quilómetros por hora e case toda a frota volveu quedar amarrada a porto. E isto déixase sentir nos mercados, onde a meirande parte dos postos están baleiros.
Moitos vendedores din que xa nin lles compensa facer o esforzo de levantar a reixa porque pouco é o que hoxe poden ofrecer.
E é que no episodio do aviso vermello que tivemos este martes, en cabo Vilán, as ondas acadaron os oito metros e medio de altura. Porén, o pico máis elevado chegou case aos quince metros.
Desta volta, este aviso laranxa manterase durante toda a madrugada.